Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
30 ANIVERSARIO DO FESTIVAL

Ortigueira transfórmase esta fin de semana

A vila recibirá 100.000 visitantes e será escenario de 25 concertos de música de raíces célticas.

Redacción - 16:55 11/07/2008

Ortigueira xa se atopa inmersa no seu mundialmente famoso festival, que durará até o domingo 13. Serán en total 25 concertos, con predominio da música folk, pero, sobre todo, unhas xornadas de convivencia. Calcúlase que unhas 100.000 persoas acudirán á convocatoria, que nesta edición fai 30 anos.

Os concertos arrancaron xa o xoves á noite cunha noite de foliada con tres grupos do país: Malvela, Xochilmica e a Banda das Crechas. A música galega terá presenza en todas as xornadas do festival. O venres 11 está representada pola escola de gaitas de Ortigueira e Sondeseu. Compartirán escenario a sexta feira, a partir das dez da noite, cos finlandeses Värttinä e 17 Hippies, de Alemaña.

No escenario Estrella Galicia estarán o sábado a National Youth Pipe of Scotland, de Escocia; o Odaiko Percussion Group, de Galiza; os tamén escoceses Boys of the Lough; os irlandeses Moving Hearts e mais Fía na Roca. E o domingo, tamén dende as dez, tocaralles ao Bagad Bro Kemperle, da Bretaña; The Dubliners, de Irlanda, Eliseo Parra e Tactequeté, de Castela e León, e, por parte galega, Uxía.

O sábado comezarán os concertos dos grupos emerxentes escollidos para participar no Proxecto Runas. Os galegos Coanhadeira, Pradairo e Ophiusa e os casteláns Sog tocarán a partir das cinco da tarde no escenario Runas. O domingo á mesma hora será a quenda de Blima, de Asturias; Divertimento Folk, de Castela e León, e Xúa, de Galiza.

O domingo, ao mediodía, dende o porto deportivo e polas principais rúas de Ortigueira desfilarán, como xa é tradición, sete bandas de gaitas de Galiza, Asturias, Irlanda e Bretaña. Ás oito, no teatro da beneficencia, actuará Emilio Rúa.

Non só música
A parte non musical tamén segue a medrar no 30 aniversario do Festival de Ortigueira, con mellores infraestruturas e servizos, tanto para a xente que participe na acampada como para a que visite puntualmente a festa, declarada de interese turístico internacional.

Ademais, este ano haberá unha función de monicreques, con Ainternacional Teatro, o sábado á tarde; teatro, con Carlos Blanco e Manecas Costa e o seu 'Humor neghro'; obradoiros de percusión, o domingo á tarde, e no claustro do concello poderanse visitar dúas exposicións, 'Peregrinos de Occidente' e 'O Himno, os tempos son chegados'.


4,5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: