A cita folc que se celebra cada verán na vila de Ortigueira vén de ser distinguida como festa de Interese Turístico Internacional. Hoxe mesmo coñecíase a concesión do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio. Só tres celebracións merecen ata o de agora o distintivo en Galiza. Xunto ao Festival Ortigueira, a Romaría Vikinga de Catoira e a Festividade do Apóstolo en Santiago de Compostela.
O goberno español, a través da Secretaría Xeral de Turismo e Comercio, vén de recoñecer o empuxe do Festival Internacional do Mundo Celta. A distinción premia asemade o papel que xoga o Festival Ortigueira na proxección de Galicia e España no estranxeiro, así como o labor desenvolvido polo Concello na súa organización e difusión.
O éxito de público do certame –máis de cen mil espectadores na edición de 2004- foi determinante para a concesión do distintivo. Segundo apunta a web oficial do Festival dende o Ministerio valorouse tamén a súa antigüidade –celébrase dende o ano 1978- e a diversidade de concertos e actos que conforman o seu programa.
Anteriormente o Festival Ortigueira xa fora declarado evento de interese turístico para Galicia –no ano 1999- e España –en 2003-. Dende hoxe sitúase entre as celebracións máis espectaculares e masivas do Estado, como as Fallas ou os San Fermíns. En Galiza outras dúas festividades están declaradas de Interese Turístico Internacional. Son a Romaría Viquinga de Catoira e a Festividade do Apóstolo, en Santiago de Compostela.