Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
DE INTERESE TURÍSTICO INTERNACIONAL

Éxito de público para o XXI Festival Ortigueira

Ortigueira despediu un ano máis o Festival Internacional do Mundo Celta. Nesta edición igualouse a cifra de 100.000 espectadores –segundo a Policía Local- acadada en 2004. Entre os concertos máis movidos, eses nos que se produce unha comuñón entre público e artista, figuraron este ano os de Terrafolk, Lunasa ou Os Diplomáticos. Tamén salientable foi a estrea en Ortigueira de Sara Vidal, a nova voz feminina de Luar na Lubre. As actividades paralelas e a zona de acampada convertíronse un ano máis en focos de atención alternativos. En 2006, máis...

- 15:39 11/07/2005
Tags:

O Festival Ortigueira despediuse este domingo ata o vindeiro ano. Foi co baile da Dominic Graham School of Dance e os concertos de Phil Cunningham e Aly Bain, I Muvrini e Os Diplomáticos. Estes últimos elixiron o certame para despedirse do público, cando lle poñen un punto e final á súa andaina musical.

Foron estes concertos do domingo os menos concorridos do Festival. Dende primeira hora da mañá comezara xa a peregrinaxe continua de campistas que retornaban aos seus lugares de orixe por imperativos laborais. Se cadra seguían o consello do alcalde da Vila, Antonio Campo. O rexedor pedira na presentación oficial do certame, semanas atrás, "que veña todo o mundo, pero que marche despois, porque se quedades os 100.000 en Ortigueira ides asfixiarnos"...

No que respecta á afluencia de público, atendendo aos datos da Policía Local, repetiuse a cifra de 100.000 espectadores acadada en 2004. Ademais de asistir aos concertos dos escenarios Estrella e Runas, estes puideron gozar dun amplo abano de actividades paralelas. Proxección de filmes, obradoiros de danza, concertos alternativos no teatro da Beneficencia ou exposicións fotográficas como as de Álvaro Fernández Polo e Manuel Ferrol. Segundo apuntou a concelleira de Cultura, Mari Cruz Sabio, esta última mostra poderá contemplarse de novo no claustro do Concello durante as festas patronais de Ortigueira, a finais do mes de xullo.

Das veteranas cantareiras aos herdeiros dos Chieftains

O xoves, o Festival arrincou oficialmente cun serán inaugural. A organización convidara a todos aqueles afeccionados que o desexasen a compartir as súas voces e músicas cos asistentes. E non faltaron voluntarios. Dende agrupacións de música tradicional ao uso ata varias de cantareiras procedentes do sur de Galiza –rondando a media dos setenta anos de idade- que fixeron bailar e cantar aos asistentes en todo un exemplo de fusión interxeneracional.

Un día despois, o venres, o éxito indiscutible foi para os eslovenos Terrafolk. Conformaban parte da aposta polas novas músicas que este ano lle rendeu homenaxe aos países mediteráneos, e non defraudaron. O público vibrou coa súa música, que mesturou o mellor da tradición do seu país cun sorprendente toque actual. Proba do seu virtuosismo, e da capacidade de sintetizar tradición e modernidade, foi a versión xitana que fixeron dunha peza de Mozart, ou a mestría coa que combinaron un anaco dun concerto de Bach cunha actualización heavy-metal do You are my sunshine de Willy Nelson. Abraiante a conexión cos espectadores, cos que chancearon durante toda a súa intervención.

Xunto a eles, na primeira xornada de grandes concertos, pasaron polo escenario principal a Escola de Gaitas de Ortigueira, Ialma e os asturianos Gatos del Fornu. Estes últimos daban o salto dende o escenario Runas, ao ser elixidos como o mellor grupo novel de 2004.

O sábado, no cénit do Festival, a Alameda quedaba pequena ante a avalancha de espectadores dispostos a gozar da música da Bagad Kemper, Luar na Lubre, Radio Tarifa e os irlandeses Lunasa. Estes dous últimos grupos foron cara e cruz da mesma moeda. Os ritmos flamencos dos madrileños non convenceron a un público desexoso de sons celtas. Mentres tanto os irlandeses –aos que moitos consideran sucesores naturais dos Chieftains- conectaron cos espectadores nun concerto bailado e aplaudido.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: