Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AXENDA DE LECER

Festival de Ortigueira, Foliada de Lalín e outras ofertas

Dende o 7 de xullo Ortigueira acolle a súa cita máis importante do ano, unha nova edición do seu festival, e a música e as actividades estenderanse ata o domingo 10 de xullo. Menos ampla é a celebración céltica en Lalín, onde entre o venres e sábado se desenvolve a súa tamén tradicional Foliada. Pero as actuacións musicais, humorísticas e teatrais non se concentran entre Ortigueira e Lalín, Pontevedra, Caldas de Reis ou O Barco de Valdeorras son outros lugares con boa oferta para a fin de semana.

- 11:27 08/07/2005
Tags:

Naumaquia 2 de La Fura del Baus e o gaiteiro Carlos Núñez van amenizar a noite do venres na explanada portuaria de Sada, The Homens farán a súa parte no pub Ambigú de Santiago e La Trova Camaweyana no Teatro Principal de Pontevedra. A música non quedará aí, e o mesmo venres, o día no que arrinca a Foliada en Lalín, en Caldas, dentro da programación Cultura Quente, haberá música iraniana da man de Kali Evoghli e para o sábado a ocasión será para o humor de Carlos Blanco.

O sábado pola noite a música vaina poñer Sugar Mountain no Barco de Valdeorras e Bueu acolle o festival O Son do Sacho, nunha xornada de presentacións musicais, como a de Cantigalia con Rosa Cedrón e Doa ou a do disco De ida y vuelta que Fía na Roca presenta en Tui. Na discoteca LP45, de Ordes, os amantes da música electrónica poden gozar coa actuación de Intelligent Tour e os que vaian máis polo clásico poden asistir, no Pazo da Ópera da Coruña, ao concerto de fin de tempada da Orquestra Sinfónica de Galicia.

En Ribadavia o venres e en Vilagarcía o martes é o momento de achegarse ao jazz de Alberto Conte a través de Entremuros e para os que prefiran os monólogos de humor está a ocasión de ver a Micky McPhantom, de Paramount Comedy, nos paradores de Santo Estevo de Ribas de Sil e de Monforte, o venres e o sábado respectivamente.

O Festival Celta de Ortigueira e a Foliada de Lalín vanse esta fin de semana pero, para compensar, en Betanzos e en Narón comezan as festas do verán e no concello de Corme, o sábado será a ocasión ideal para degustar os percebes do Roncudo, na súa festa de exaltación.


0/5 (0 votos)