Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
GAÑADORES DO CERTAME RUNAS

Tres feneses para o Festival de Ortigueira 2007

Malia que a vila de Ortigueira aínda está a espertar da resaca do Festival Internacional do Mundo Celta de 2006, vén de confirmarse o primeiro grupo que saltará ao escenario principal do certame na súa vindeira edición. É a formación integrada polos feneses Daniel Bellón, Diego Maceiras e Álex Blanco, que colleitaron a maioría dos votos concedidos polo público congregado ao pé do escenario Runas.

- 12:06 13/07/2006
Tags:

Segundo apuntan dende a web do Festival de Ortigueira, o certame Runas -centrado na promoción de grupos noveis- bateu este ano todas as súas marcas. Un total de 75 formacións de diferentes puntos da Península enviaron as súas maquetas para participar no certame, todo un trampolín á fama. E é que o gañador do Runas -decidido mediante a votación directa do público- leva un premio moi especial: o salto ao escenario principal do Festival, na súa seguinte edición, e a presentación diante de milleiros de espectadores.

Nesta XXII edición que vén de celebrarse foron tres mozos feneses -ningún supera os 22 anos- os que colleitaron o favor dos espectadores, grazas a temas propios e á reinterpretación de pezas procedentes doutras culturas, adaptadas á tradición galega. Daniel Bellón, Diego Maceiras e Álex Blanco convírtense así no primeiro grupo coñecido dun novo Festival de Ortigueira que xa ten datas. Será entre os días 5 e 8 de xullo de 2007.

O gaiteiro Daniel Bellón, con tan só 21 anos, prosegue deste xeito unha imparable traxectoria avalada xa por premios como o Constantino Bellón -2001 e 2005- e o Gaiteiro de Soutelo -2004, 2004 e 2005-, ambos os dous concedidos polo Ateneo Ferrolán, ou o trofeo Macallan de gaita galega de Lorient. Ao seu carón, Diego Maceiras, ao acordeón, co que xa gañara o último certame de folc de Radio Obradoiro. Completa o trío que estará no escenario principal en 2007 o guitarrista Álex Blanco.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: