Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NOVIDADE NESTA EDICIÓN

O festival de Ortigueira ensina folque através de aulas didácticas

Membros do Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín impartirán durante a fin de semana do Festival do Mundo Celta de Ortigueira (8 e 9 de xullo) diversas aulas no instituto da vila coruñesa. Estas clases tratarán temas como a creación de instrumentos populares, a evolución do baile galego ou as técnicas da pandeireta, entre outros aspectos relacionados co folque do país.

- 12:40 04/07/2006
Tags:

Tanto adultos coma nenos poderán participar nas aulas didácticas que o Festival pon en marcha nesta edición. Mestres coma Sergio Cobos, Nacho Muñoz, Xurxo Troncoso ou Pili Araújo achegarán aos asistentes unha visión da música que vai máis alá da asistencia aos concertos ou á feira de artesanía. Estes obradoiros valerán para completar a oferta folque de Ortigueira.

Desde as 12 da mañá do sábado poderase gozar da composición á improvisación por ordenador, que impartirá o produtor galego de Mercedes Peón, Uxía, Budiño, Ecléctica Ensemble..., entre outros, Nacho Muñoz. Ademais, Sergio Cobos presentará o obradoiro Baile galego de creación. 7 pasos igual a infinito. Antes do xantar, terá o seu espazo a Construción de instrumentos populares. Introducción á percusión popular, que terá como mestre o percusionista, creador de distintos grupos de percusión de rua e músico da Opera off, Xurxo Troncoso.

Xa pola tarde e a partir das 6, a aula Pandeireta. Unha interpretación reelaborada correrá a cargo do colaborador de Manuel Budiño, exalumno do CMTF de Lalín e membro de Ecléctica Ensemble, Davide Salvado, ademais do Baile galego de creación. 7 pasos igual a infinito que volverá impartir un dos bailarins mais solicitados do panorama folque galego e colaborador habitual da banda Berrogüetto, Sergio Cobos.

Volven os Cantos do mundo con Pili Araújo, especialista en cantos do mundo, coordinadora da Aula Folque Infantil de Pontevedra e productora do CMTF, Da composición á improvisación por ordenador que levará Nacho Muñoz e a Construción de instrumentos populares. Introducción á percusión popular que impartirá de novo Xurxo Troncoso. Como novidade, o Festival ofrece a Conferencia-audición comentada As culturas musicais em Galiza, que impartirá Ramom Pinheiro no Teatro de Ortigueira.

O ponente desta conferecia será Ramom Pinheiro, produtor artístico de Ouvirmos, profesor de Historia da Música galega no CMTF e co-director do Postgrado en Música tradicional da USC. Para poder formalizar a matrícula, os interesados deberán dirixirse a web@festivaldeortigueira.com nos próximos días.


0/5 (0 votos)