Vieiros

Vieiros de meu Perfil


HAI QUE ROELO

Unha consulta alegal

10:02 19/06/2009

“La participación directa del cuerpo electoral en el procedimiento legislativo se restringe al ejercicio de una facultad de iniciativa (art. 87.3 CE) sobre cuya suerte deciden con perfecta autonomía las Cortes Generales, del mismo modo que la manifestación de su voluntad respecto de determinados asuntos de trascendencia política a través del referéndum sólo puede verificarse si media la oportuna autorización del Congreso de los Diputados (art. 92.2 CE)”. Sentencia do Tribunal Constitucional sobre a consulta que impulsaba o lehendakari Ibarretxe.

“Su pretensión es tan absurda, tan abusiva y tan indecorosa, como lo sería la de quien tratase de ganar una competición de salto de altura pasando por debajo y no por encima del listón. El que eso hiciera, habría desde luego pasado del otro lado de la raya, pero no habría conseguido la victoria, sino tan solo burlar, para escarnio general, las reglas de juego y a quienes las respetan”. Blanco Valdés, Roberto. “El nuevo plan Ibarretxe y el salto de altura”, La voz de Galicia (30-05-2008)

A Xunta de Galiza convocou este mes una consulta popular “sobre a utilización das linguas no ensino non universitario”, que supón o punto de partida da eliminación do decreto de galeguización do sistema educativo, vixente actualmente. A esta consulta poderán respostar “os pais ou os alumnos dos 1.490 centros educativos de toda Galicia”, aproximadamente unhas 700.000 persoas en total. O prazo para participar remata hoxe. “Ademais de preguntar sobre a preferencia lingüística respecto a materias troncais, libros de texto e exames tamén se pide opinión sobre a conveniencia de impartir materias en inglés”, conta a Xunta na súa web. Para amosar a “boa vontade”, asegúrase que as posibles respostas ofrecen “opcións plurais e non excluíntes, redundando no carácter aberto e integrador da consulta”.

Ben, eu dubido de que esta consulta sexa legal. Teño a impresión de que se trata dunha xogada, como di o profesor Valdés, para saltarse as regras establecidas e, polo tanto, ao Parlamento, para logo construir un decreto que se presentará como resposta á vontade popular dos galegos e galegas. E a ver quen se atreve a opoñerse a iso. Isto da democracia española ten momentos para escangallarse: unhas consultas valen e outras non.

Ibarretxe pretendía facer “unha consulta non vinculante con dúas preguntas aparentemente inofensivas: 1- “¿Apoia vostede  un proceso de final dialogado da violencia se previamente ETA manifesta de forma inequívoca a súa vontade de poñer fin á mesma de xeito definitivo?”, e 2- “¿Está vostede dacordo en que os partidos vascos sen exclusións comecen un proceso de negociación para achegar un acordo democrático sobre o exercicio do dereito a decidir do Pobo Vasco e que ese acordo sexa sometido a referendo antes de que remate o ano 2010?”

Esa consulta foi declarada inconstitucional polo TC, con argumentos, entre outros, como que o feito de que non sexa vinculante legalmente “é de todo punto irrelevante”. No caso galego, preténdese roubar o debate parlamentario, no que estarían representados todos os cidadáns, e substituilo polas opinións dunha parte do corpo electoral, nin tan sequera de todo os electores.

O referendo da Xunta é, ademáis, discriminatorio porque só está dirixido aos “pais”. Suponse que tamén poderán pronunciarse as nais, malia todo. Resulta que quen aínda non son país e nais non se poden pronunciar sobre una cuestión capital que terá que ver coa educación dos seus futuros fillos e fillas. Tampouco poden opinar avós e avoas, e menos aínda solteiras e solteiros. Levado isto ao extremo será ridículo, porque o propio Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad, é solteiro e non ten fillos. Con que lexitimidade pode asinar ningún decreto educativo? Ou el pode participar da decisión e o resto dos maiores de idade residentes no País non?
Á marxe disto, os resultados poden ser manipulados como se estivésemos en Irán, porque o control deles xamais escapa á Xunta. Postos a facer consultas selectivas, propoño que se pregunte polo futuro de Ence na ría de Pontevedra aos que compren libros e follas de papel, ademáis dos libreiros: polo coche oficial de Feijoo e os dos seus conselleiros aos traballadores dos concesionarios de Audi, Seat e Toyota; e polo soldo do asesor de industria Javier Dorado a todos os inscritos no INEM. Iso si, con total liberdade, como di a Xunta.

4,73/5 (33 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dani Álvarez

Dani Álvarez

Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".



Máis opinións