Vieiros

Vieiros de meu Perfil


HAI QUE ROELO

Todos son iguais

11:04 13/02/2009

Ao longo de quince anos, o Partido Popular presentouse ante a sociedade como o partido das cousas claras, das cousas ben feitas (feitas daquela maneira, claro) e coma un seguro fronte á anticorrupción. O Partido Popular chegou ao poder da man de Aznar como a antítese dun felipismo decadente, ao que lle saían corruptos por todos os recunchos, e coa promesa clara de respectar a lei. O PSOE vulneráraa cos GAL e os fondos reservados, pero o PP íase limitar a cumprila sen tacha. O tempo demostrou que as cousas non eran tan así, e que había necesidade de buscar atallos, pois a lei modificábase a gusto da Moncloa, e punto, como dicía Fraga. Pero ese é outro conto.

A cousa é que agora o Partido Popular está enfrontándose ao seu propio Filesa. A presunta rede corrupta que está a investigar o xuíz Garzón vai ser o cadaleito político de moitos dirixentes do PP que, ata o de agora, tiñan outros problemas: leas internas, desconfianzas, diferentes mensaxes en función de onde había que falar, etc. Pero iso si, eles xamais meteran a man na caixa. Pois resultou que si, que (presuntamente) houbo quen a meteu. E se Felipe González era responsable do que facían os seus subalternos, Rajoy e Aguirre serano tamén do que fan os seus. Se o sabían, son responsables de non cortar antes, e se non o sabían son igualmente culpables por non controlar quen teñen dentro da casa.

E mira ti por onde, que cando o PP está a ser investigado, e cando o propio Garzón máis o Tribunal Supremo reviran a lei para evitar que a esquerda abertzale poida presentarse ás eleccións vascas (no caso de Askatasuna con supostas probas erróneas), sabemos que o Ministro de Xustiza do Goberno español vai de caza e despois vai xantar co xuiz estrela da Audiencia Nacional, Baltasar Garzón. Menos mal que a xustiza española é independente e non está submetida ao poder político.

Fronte a esta desfeita, que fai que moitos vexan xa a España como a nova Italia por andar seguido en leas políticas e con corrupción a esgalla, hai determinados articulistas galegos que se limitan a repetir ese discurso barateiro de que “todos son iguais”, “tanto dá un que outro” e cousas polo estilo. Pois ben, eu berro contra iso: Non todos son iguais. Non todos cobran comisións desde as illas Caimán e pasan de declaralas á Facenda. Nin todos van de caza cos xuíces para suxerirlles o que deben facer. Rebélome ante iso, e fágoo en galego, aínda que puidera facelo como José Blanco, en castelán.

4,43/5 (28 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dani Álvarez

Dani Álvarez

Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".



Máis opinións