En case todos os países existen certos temas que son tabú, que ninguén se atreve a cuestionar por medo a ser sinalado como pouco patriota, ou como insensible. Deste xeito, aniñan crenzas na conciencia colectiva que perviven durante anos ou incluso xeracións. Por exemplo, aquí en Euskadi ninguén cuestiona ao Athletic de Bilbao porque é o único elemento de unión social. Pode facer as cousas mal que xamáis o criticará ninguén. En España dise que a Transición foi feita de xeito maxistral e ninguén replica o contrario. Incluso o Foro Ermua afirma que hai 200.000 exiliados vascos por culpa do nacionalismo (vasco) e non hai quen bata contra semellante trola. Por certo, ¿Que pensa disto a axencia da ONU para os refuxiados que non fai nada nin monta campamentos para acollelos?
Na Galiza hai un tabú que se refire aos emigrantes. A iso que os charramangueiros chaman “diáspora”, coma se os emigrantes estivéramos tocados pola man de Deus para ensinarlle o camiño aos máis; e que a lei española cualifica coma “residentes ausentes”. É dicir, que residen no país pero que se atopan ausentes por estaren de viaxe ou facendo o Erasmus. No noso caso, a maioría de emigrantes nin residen nin se agarda por eles porque hai moitos anos que marcharon e só voltan en agosto. Doutra banda, milleiros deles non viron un carballo galego nin en foto. Pero o feito é que para os emigrantes e os seus descendentes hai nacionalidades españolas para agasallar, e entón poden votar nas eleccións.
Eu, como estou empadroado en Euskadi, non podo votar nas autonómicas nin nas municipais, aínda que teña propiedades en Galiza e pague os impostos que corresponde. Dacordo, acepto as regras do xogo, pero permítaseme cuestionar o feito de que milleiros de descendentes de galegos poidan votar no país polo mero feito de levar un apelido como Teixeira ou Padrón, cando xamais pisaron esa terra. Polo que xa non paso e porque, aínda por riba, eles poidan participar nas eleccións sen control ningún e sen acreditar a súa identidade. Ou sexa, que eu debo identificarme para votar con documento de identidade ou co pasaporte e os que votan en Bos Aires, non? E ninguén di nada? E disque estas eleccións son limpas? Pero, isto é Europa?
Enriba chega José Blanco a dicir que se non se permite o voto que adxunte pasaporte, actuarán “conforme a dereito”. Pero que dereito? Será un dereito tan dereito coma un carabullo porque isto non se lles ocorre nin aos Tonechos. Blanco engade, como proba, que “seis dos quince membros da Xunta Socialista de Caracas non teñen nin documento de identidade nin pasaporte”. Moi ben: o 1 de marzo irei votar á miña escola en Bilbao sen acreditar a miña identidade, e argumentarei o mesmo, porque tan cidadáns son eles coma min, e se a eles se lles permite votar de xeito anónimo e clandestino, a min tamén, ou?
Hai corenta anos, chegaron á Liga española de fútbol varios xogadores con devanceiros galegos ou vascos, e coas súas presuntas raíces pasaban por nacionais para non ocuparen praza de estranxeiro, moi limitadas por aquel entón. Déuselles en chamar oriúndos, e coñecían tanto a nosa realidade que un, de nome Adorno, afirmou nada máis aterrar que o seu avó era de Celta. Outro espetou ante os micros sen vergoña ningunha que parte da súa familia nacera en Osasuna. Van corenta anos e seguimos igual. Xa está ben de calar ante as inxustizas cometidas coa escusa de non amolar á “diáspora”. Que alguén pare isto.
Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".