Leo, con satisfacción, o saúdo que a CIG enviou aos sindicatos abertzales ELA e LAB con motivo da xornada de folga xeral que promoveron onte na Comunidade Autónoma Vasca e en Navarra. A CIG amosa simpatía cara un movemento sindical, o nacionalista vasco, co que ten moitas cousas en común. ELA e LAB son maioría absoluta en Álava, Biscaia e Guipúscoa, e teñen unha grande implantación en Navarra, sobre todo na metade norte da comunidade.
Ámbolos sindicatos dixeron basta e fixeron o que moitos traballadores lles estaban a reclamar aos seus representantes: convocar unha folga xeral porque non se pode permitir que mentres os obreiros van ao desemprego a présas cada día, os Gobernos estean dando cartos a esgalla aos bancos e aos empresarios. É igual que sexan socialistas, conservadores, demócrata-cristiáns, Obamistas ou mediopensionistas: todos os gobernos fan o mesmo, cartos aos bancos e nada aos que están sufrindo.
Fronte a esta xornada de mobilización destinada a esixir que se conte cos traballadores, que son os únicos que non teñen a culpa de nada, absolutamente nada, do que ocorre, dixéronse cousas como que era unha folga “contra Patxi López”, que estaba “instrumentalizada por ETA/Batasuna” ou que era unha “folga política”. Pero o certo é que moitos traballadores estamos fartos de que os Fontenlas e os Díaz Ferrán de turno nos estean suxerindo “reformas laborais” para facer máis barato o despido, mentres despiden a milleiros de empregados ao mes.
A folga xeral é unha ferramenta da que hai que tirar en ocasións excepcionais, e vai para 60 anos que non sufriamos unha crise semellante. En Francia levan dúas folgas no que vai de ano e en España, o país que máis emprego destrúe (destrúen os empresarios, enténdase), UGT e CCOO están bailando na man de Zapatero. Moi ben. Se eles non se queren mover están no seu dereito, pero que non denigren a aqueles que pretenden recuperar o auténtico espírito sindical: o da loita na rúa para que nos escoiten.
Haino que repetir unha vez máis: os traballadores están pagando unha crise que non motivaron. Esta crise ten o epicentro na cobiza dos ricos, e chegou o momento de que Fontenlas, CEOES e Gobernos teñan en conta que, a pesar de semellar durmido nos últimos anos, o movemento sindical existe, e ten xente detrás. Xentes capaces de parar un país como aconteceu onte.
Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".