“A vida material, a vida cotiá para a maioría da xente non cambia case nada e, se muda algo, case sempre é a peor. Por iso, hoxe en día, grazas á calidade esencial da voz humana que canta e berra a súa dor, a forma narrativa popular máis vital é a música rock” (John Berger)
O pasado día 26 de Novembro tiven a oportunidade de asistir, xunto a outras 16.000 persoas, a un espectáculo case único, o concerto que Bruce Springsteen deu no Bilbao Exhibition Centre (BEC), dentro da xira de presentación do seu último disco “Magic”. As máis de dúas horas de concerto servíronnos para comprobar que el é xa o último (derradeiro?) gran conxugador de masas na música rock, toda vez que os U2 se adican a outras cousas, e que os Rolling Stones hai tempo que se converteron nuns monicreques que se imitan a si mesmos. Bruce, con 58 anos, xa non dá os concertos de catro horas que daba hai unha década, pero entrégase dun xeito xeneroso e interactúa cun público (a media andaba polos corenta anos) ávido de enerxía rockeira. As catro primeiras pezas soaron encadeadas e, agás dúas parrafadas antiBush, o repertorio estaba destinado a calmar a sede dos asistentes.
Non tiven a oportunidade de velo no Monte do Gozo no 93, pero supoño que se entre os lectores alguén estivo alí, lembrará sensacións semellantes ás que tiñamos quen o vimos en Bilbao. No ambiente respirábase un aire de estar vivindo algo único, case irrepetible. Ninguén saíu do recinto sen un sorriso na cara. Nestes tempos de mediocridade horizontal, de músicos e artistas prefabricados, Springsteen rexurde para darlle una labazada nos morros a aqueles que pensan que o rock abandonou as súas bandeiras tradicionais: o sentimento contestatario e o inconformismo mobilizador. Badlands sonou como un trebón de lóstregos, Born to run ocultou as peles enrugadas polo paso dos anos, e o final, coa mítica American Land puxo ao BEC en pé, nunha imaxe difícil de borrar para quen bailabamos ao compás da E Street Band.
Euskera
Bruce dirixiuse en euskera ao público para dicir que estaba moi ledo de visitar Bilbao por primeira vez, e máis tarde, nun máis que correcto español, clamou contra a política de Bush, de quen dixo que estaba a liquidar algúns dos valores tradicionais dos Estados Unidos a través de recurtes nos dereitos civís e políticos, invadindo e atacando países soberanos e desterrando a súa historia demócrata e liberal. Hai que ser moi grande para dar a volta ao mundo sobre escenarios multitudinarios e poñer a parir ao goberno máis poderoso do planeta. Ese é Springsteen, e iso é o rock n’ roll. Todos lembramos como nas pasadas eleccións estadounidenses o Boss tocou e cantou para apoiar ao demócrata John Kerry como mal menor ante George W. Bush. Non foi o único, outras xentes do rock como Pearl Jam, Bon Jovi ou REM pediron coas súas guitarras un cambio para os estadounidenses. Pola contra, a intelectualidade que apoiou a Bush foi do máis prestixioso: Britney Spears, Ricky Martin ou Tom Selleck.
Teño a certeza de que unha sociedade en marcha, con debate, con ganas de renovarse, de mudar, de avanzar, ten expresións culturais poderosas. A cultura adiántase case sempre á historia. E o rock forma parte dese conxunto cultural. O inconformismo forma bandas de rock como o outono cogumelos. En Galicia, estase a vivir unha explosión rockeira sen precedentes desde os primeiros oitenta. Os novos aires da Radio Galega e iniciativas como o Apologhit que leva o selo de Vieiros axudan a consolidar ese panorama. Cantos, berros e guitarras tamén poñen ás sociedades en marcha. Dádelle ferro ata que nos escoiten!
Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".