Vieiros

Vieiros de meu Perfil


HAI QUE ROELO

Preocupan os neonazis?

19:56 26/11/2007

Carlos Palomino foi a última vítima mortal da súa violencia. Matouno -presuntamente- un neonazi, militar profesional para máis datos, en Madrid. Pero houbo máis desde entón. O xoves pola noite un mozo das Juventudes Comunistas foi acoitelado en Cáceres tamén -presuntamente- por outro ultra. Sorprende este dato: desde o ano 1992, 76 persoas morreron pola violencia da extrema dereita no Estado español.

Os obxectivos son variados: inmigrantes (non os alemáns ou británicos que viven pracidamente no Levante español, non, os que veñen da miseria), negros, homosexuais, seguidores da Real Sociedad, militantes de esquerda, sen teito... En fin, distintos; xentes que están en situacións de debilidade ou que foxen do pensamento unidireccional destas organizacións que semellan estar ben relacionadas internacionalmente, e que non parecen preocupar demasiado nos eidos policiais.

76 asasinados pola violencia ultra desde mediados dos noventa son bastantes máis que as víctimas que causou ETA desde entón. Mais para a AVT non merecen unha manifestación, nin sequera un comunicado, porque Francisco José Alcaraz sabe ben que denunciar a violencia extremista de dereitas non lle dá votos ao partido que el quixera que gobernara. Tampouco o ministro español do Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba, semella conmovido. Ninguén quere investigar como se financian estes grupos -que lograron ducias de concellais nas últimas eleccións municipais especialmente en Valencia, Catalunya, Madrid e Estremadura-, que nexos teñen con organizacións internacionais poderosas, e a Xustiza semella ser benévola con eles, porque ninguén os ilegaliza.

Un nazi deixa tetrapléxico a un congoleño en Madrid e o presunto autor da malleira está libre. Un mozo vasco quiema un caixeiro e enfróntase a varios anos de prisión. De todos é sabido que un caixeiro automático vasco vale máis que a vida dun desgrazado congoleño, verdade señores xuices da Audiencia Nacional? A violencia de extrema dereita comeza a aniñar no Estado español, pero a Policía reprime as manifestacións de denuncia: o sábado foi en Madrid e uns días antes en Barcelona. Algúns articulistas equiparan o antifascismo cos fascistas de novo cuño que mataron a 76 persoas, desde Lucrecia ata Carlos. Para Blanco Valdés, por exemplo, un racista é igual que un anarquista, aínda que o primeiro meta medo nas rúas e o segundo só se manifeste para denunciar as agresións do primeiro.

Os neonazis están aquí, e comezan a copiar comportamentos coñecidos desde hai anos en Hungría, Alemaña ou Rusia. Pero ninguén fai nada. Ningún xornal abre as súas edicións coa noticia do asasinato dun mozo de esquerdas por parte dun neonazi, a pesar de ser claramente un crime ideolóxico. Non embargantes, os xornais madrileños abren un día si e outro tamén falando de organizacións que hai meses que non cometen ningún asasinato. Os medios calan, a Policía non investiga e os siareiros de Ynestrillas pasean tranquilos por varias cidades españolas. As nosas señorías o que lles interesa é se hai bandeiras ou non nos concellos. Calma. Nunca pasa nada.

4,97/5 (33 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dani Álvarez

Dani Álvarez

Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".



Máis opinións