Vieiros

Vieiros de meu Perfil


HAI QUE ROELO

O Gaiás e La Voz

12:20 22/10/2008

A min gústame que Galicia teña sete cidades. Está comunmente aceptado que son sete as cidades do País, aínda que hai outras localidades que xa compiten en habitantes e importancia.

Tamén gosto da cultura galega na maioría das súas expresións. Especialmente no eido musical considero que temos unha riqueza que causa envexa noutros puntos de Europa. A literatura é outra expresión da cultura galega que quixera destacar e, aínda que non estea no que de xeito cotiá se denomina cultura, quero facer mención á gastronomía do País como fonte riqueza. Quero dicir que a min gústanme as cidades galegas e a nosa riqueza artística. Creo que a cultura está espallada por toda Galicia de xeito máis ou menos uniforme. E, polo tanto, conclúo que é innecesaria unha Cidade da Cultura. Xa temos cidades abondas e a cultura debe estar en cada curruncho galego.

Sirva esta palla mental aparentemente insubstancial para deixar claro que, se eu no ano 1999 fose Manuel Fraga, que non o era, nin o son, nin espero selo nunca, non decidiría desbrozar unha montaña enteira para enchela de formigón e logo dicir que a cultura ía toda para alí dentro. Porque a Galicia non lle fai falta nin unha nova Cidade nin tampouco pechar no monte a Cultura. Mais non é este o debate, porque a pesar de que seguen as obras, poucos confían na utilidade do mazacote ese.

O debate que quero abrir eu é o de quen abandeira agora a loita contra a Cidade da Cultura. Ben, despois de meses de seguimento (non exhaustivo) da polémica en torno ao Gaias, creo ter claro que o grupo de poder que máis se mobiliza contra o proxecto, ou o que queda del, é o Grupo Voz. Como todos os grupos empresariais, o Grupo Voz busca gañar cartos, cousa que a min me parece marabillosa. Pedro J tamén usou o 11-M para vender máis xornais e foille ben. Está claro que o asunto do Gaias vende. A demagoxia esa de “mira o diñeiro que están metendo aí no canto de facer hospitais” funciona á primeira.

Así que, como me roía a curiosidade, fun á hemeroteca revolver cando decidiu La Voz apostar por dinamitar o Gaiás. Explotalo empresarialmente, quero dicir. E atopeime co seguinte:

21 de decembro de 2000: “En enero se pondrá la primera piedra del macroproyecto cultural de la Xunta. «Soy una persona sincera y clara y si pensase que no iba a cumplir los plazos, lo diría», afirmó Peter Eisenman, acompañado por la sonrisa y el asentimiento del conselleiro de Cultura”.

9 de febreiro de 2001: “Caixa Galicia dona el solar de la Cidade da Cultura y pide una medalla. Méndez recordó que la labor cultural que lleva a cabo la Fundación Caixa Galicia recibió recientemente la Medalla al Mérito en las Bellas Artes, entregada por el Rey. También recordó el compromiso de la Caixa de Aforros con la cultura gallega y su «orgullo» de que la Cidade da Cultura se levante en terrenos donados por ella”.

14 de xuño de 2001: “La Xunta concede la Medalla de Ouro 2001 de la comunidad a la entidad Caixa Galicia. La Xunta subraya entre los méritos que hacen a Caixa Galicia merecedora de la Medalla de Ouro la cesión de terrenos en el Monte Gaiás de Santiago para construir la Cidade da Cultura”.

10 de outubro de 2001: “Eisenmann vincula el desarrollo de la Cidade da Cultura a la victoria de Fraga. Eisenmann es, sin duda, un referente mundial de la arquitectura de vanguardia. Desde ayer, se convierte también en un referente de los comicios gallegos. El arquitecto, que intervino en la apertura del Salón Internacional de Patrimonio Cultural, en Santiago, no dudó en apoyar el camino de Manuel Fraga hacia su cuarta victoria electoral consecutiva”

9 de outubro de 2002: “El sector inmobiliario premia en Barcelona a la Cidade da Cultura”

4 de febreiro de 2003: “Los contenidosde la Cidade da Cultura se demorarán «para estar a la última». Pérez Varela considera un error adquirir ahora tecnología que pronto estará desfasada”.

18 de xaneiro de 2004: “En medio año estarán en marcha los seis edificios de la Cidade da Cultura”

17 de febreiro de 2005: “La construcción de la Cidade da Cultura en el monte Gaiás es un espectáculo. Podrá gustar más o menos lo que empieza a divisarse en la colina, será demasiado o poco ambiciosa, pero lo que nadie puede negar es que el proyecto de Peter Eisenman que se está desarrollando en Santiago es algo insólito en el mundo de la construcción”.

E podería seguir máis e máis sen ter feito esforzo arreo. Isto é unha pasadiña rápida pola hemeroteca. Que pasou en Xuño do 2005? Pois que Fraga perdeu as eleccións. Eu, que pasei a noite electoral traballando desde a sede do PP en Santiago, pregunteille a Fraga se estaría disposto a liderar a oposición se non acadaba o arelado escano 38. “Por suposto”, dixo. E logo escapou de camiño ao Senado. Si, mudou o goberno e o morto caeulle enriba a Ánxela Bugallo. E entón La Voz abriu un proceso de debate sobre os usos que lle había que dar a unha cousa que custaba cartos a esgalla. Daquela si, daquela calquera debatía. Pero, e antes? Onde estaba o xornalismo intrépido para propoñer debates?. Onde a intelectualidade?

Sabedes de cando é o primeiro artigo sobre o Gaiás do denuncia-todo Blanco Valdés? Do 20 de setembro do 2005. Onde estaba el ata entón? Porque ían xa seis anos desde a presentación do proxecto. Segundo o meu repaso, os primeiros en se manifestar na rúa foron os independentistas de Compostela. E quen escribiu desde o primeiro momento contra a indefinición e o custo que supuña a Cidade foi o mestre Barreiro Rivas. A cadaquén o que é seu.

Polo tanto, que non nos enganen. Que non nos veñan abandeirar nada, e menos o presunto candidato de UPyD azoute dos nacionalistas non españolistas. Sabemos onde estaban. E sabemos no que andan agora.

4,82/5 (66 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dani Álvarez

Dani Álvarez

Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".



Máis opinións