Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Euskadi

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Euskadi
O Ministerio Público non presentou cargos

Os ex responsábeis de Egunkaria negan que ETA estivese detrás do xornal

Comeza o xuízo contra o xornal, pechado hai sete anos, aínda que catro anos despois a Fiscalía admitiu que non había probas.

Redacción - 19:40 15/12/2009

Na Sección Primeira da Sala do Penal da Audiencia Nacional deu inicio este martes pola mañá o xuízo contra o diario Euskaldunon Egunkaria, case sete anos despois de que o xuíz Juan del Olmo ordenase a súa clausura, e tres desde que a Fiscalía recoñeceu que non había probas contra os acusados.

No entanto, os cinco imputados, Iñaki Uria, Martxelo Otamendi, Xabier Oleaga, Joan Mari Torrealdai e Txema Auzmendi, enfróntanse a penas de entre 12 e 15 anos de cárcere. O xuízo celébrase unicamente a instancias das acusacións particulares, exercidas pola AVT e Dignidad y Justicia, que acusan os imputados de "integración en organización terrorista".

O primeiro en declarar foi Uria, informan os medios vascos. O ex conselleiro delegado de Egunkaria só respondeu as preguntas do seu avogado, e rexeitou contestar as da acusación particular. A Fiscalía, que non presentou cargos e pediu o arquivo da causa, rexeitou interrogalo.

Uria negou que "ETA, KAS ou calquera outra organización" interviñese nas actividades ou no nacemento do diario e asegurou que a única liña editorial que seguían era "a que marcaba o seu libro de estilo".

"Torturas logo da detención"
Na parte final da súa intervención, relatou que foi sometido a torturas logo de ser detido pola Garda Civil. Dixo que lle colocaran unha bolsa na cabeza en varias ocasión até case producirlle a asfixia, que lle puxeran unha pistola na cabeza e simularan un disparo, que lle apuntaran con armas infravermellas e o golpearan cunha lista de teléfonos.

O segundo que compareceu ante o xuíz Javier Gómez Bermúdez foi Oleaga, pola tarde. Ao igual que Uria rexeitou contestar as preguntas da acusación particular e o fiscal non lle realizou cuestión ningunha. Oleaga negou recibir ordes de ETA e que fose KAS quen lle propuxese entrar na dirección de Egunkaria.

A defensa preguntoulle polas torturas denunciadas por Uria, mais o presidente do tribunal, Javier Gómez Bermúdez, ordenou que non se preguntase sobre ese tema xa que, sinalou, non era o que se estaba a analizar no xuízo.

Martxelo Otamendi, ex director de Egunkaria, foi o seguinte en declarar. Dixo que nos dez anos que dirixiu o primeiro xornal en éuscaro da historia actuou con absoluta liberdade, sen que ninguén alleo ao diario lle ordenase nada. Como os seus compañeiros, afirmou que nunca recibiu directrices de ETA, e tamén afirmou que fora torturado pola Garda Civil.

Durante as cuestións previas, a defensa solicitou a recusación dos peritos das Forzas de Seguridade do Estado, mais Gómez Bermúdez rexeitou a petición ao considerar que non pode entenderse "inimizade manifesta".

Ao remate da declaración dos imputados estaba prevista a dos gardas civís que participaron nas investigacións, que segurán previsibelmente ao longo da sesión desta cuarta feira. Despois, o xuízo quedará probablemente suspendido até xaneiro.

Apoio de dirixentes políticos

Antes do comezo do xuízo, os cinco imputados foron arroupados ás portas da Audiencia Nacional por unha trintena de representantes políticos, sociais e culturais. Entre outros, dirixentes do PNV, como Josu Erkoreka; de Aralar, como Jon Abril; de EA, como Peio Urizar; o presidente de Hamaikabat, Iñaki Galdos; o secretario xeral de ELA, Adolfo Muñoz; e a secretaria xeral de LAB, Ainhoa Etxaide; así como tamén dos cataláns de ERC.


Ligazóns

5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: