Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Prisión incondicional para Zubiria

Malia que segue no hospital, vén de ser decretada orde de prisión contra Peio Zubiria, o xornalista e director de Argia, polo que será trasladado ao cárcere en canto reciba a alta médica. Vén de saberse ademais, que o fiscal xefe da Audiencia Nacional, Eduardo Fungairiño, lle presentara previamente ao xuíz Baltasar Garzón os informes usados para o peche de Egunkaria. Logo que este rexeitase a documentación por considerala infundada, o fiscal agardou un cambio de gardas na Audiencia para coarlle os informes a Del Olmo. A información revelouna o director de informativos da Cadena Ser. Mentres, o ministerio de Interior reacciona con belixerancia fronte ás peticións de investigación das presuntas torturas aos detidos e anuncia querelas contra os que as denuncien.

- 10:32 27/02/2003
Tags:

Os traballadores de Argia, a revista dirixida por Peio Zubiria, veñen de emitir un comunicado onde cualifican de “sospeitoso que unha vez que o xuíz decretase o seu ingreso en prisión, siga aínda no hospital. Na nosa opinión iso indica que aconteceu algo grave na comisaría”.

Familiares e amigos de Zubiria lembran que os demais detidos escoitaron en comisaría a voz de Pello berrando: “Matádeme dunha vez se tedes collóns”. Así, ao tempo que piden luz sobre as súas preocupacións, solicitan que se faga todo o posible para que non sexa trasaladado a prisión, na seguridade de que iso podería agravar a súa situación de saúde.

O xuíz del Olmo teríalle tomado declaración a Zubiria na noite do mércores e decretado dúas horas despois prisión incondicional ademais de levantar a incomunicación do detido. Malia todo, Malores Etxeberría, a muller de Pello, non obtivo aínda o permiso para ver a seu home.

“Este tipo de ameazas son propias de dictaduras, non de democracias”. Queixábase o deputado do PNV Iñaqui Anasagasti sobre as ameazas chegadas dende o ministerio de Interior logo das reiteradas peticións para a investigación das presuntas torturas aos detidos no peche do Egunkaria. Di Anasagasti que “é incomprensible non só que pechen un medio de comunicación, que en Madrid parece unha medida normal, senón que, enriba, se incomunique e torture a cidadáns polo simple feito de seren vascos, e por tanto, xa sospeitosos”.

Así, dende Interior, o ministro Acebes ordeáballe aos servicios xurídicos do ministerio a presentación de querellas contra os detidos que denuncien torturas. “Son acusacións, dende o meu punto de vista, delictivas”, dicía Acebes.

“Temos dúbidas e non queremos ter dúbidas sobre o peche de Egunkaria”, declaraba Daniel Anido, director de informativos da Cadena Ser durante a emisión do programa La Ventana este mércores, onde se entrevistaba ao director do diario, Martxelo Otamendi e ao secretario xeral de EA, Gorka Knörr. Anido revelaba que a documentación policial usada para proceder ao peche do diario fóralle presentada hai semanas ao xuíz Garzón “quen a rexeitou porque cría que non estaba fundada (...) Logo, a Garda Civil acudiu coa mesma documentación ao fiscal Fungairiño, quen agardou a que cambiase a garda de Garzón para entregarlla a Del Olmo”.

Dentro da campaña a prol da recuperación do xornal, a mancomunidade de San Marcos, que forman oito concellos de Guipúscoa, decidiu destinarlle 6.000 euros á súa reapertura. Para a mañá deste xoves, os traballadores de Egunkaria convocaron unha concentración en Vitoria co lema ‘Adierazpen askatasuna. Egunkaria aurrera’ (Libertad de expresión. Egunkaria adelante).

Recomendámoslles editorial de Deia.

Na rede tamén están a recollerse sinaturas contra o peche do diario.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: