O xuíz del Olmo ordenoulle ao goberno vasco inmobilizar e bloquear os cartos pendentes de percibir por Egunkaria procedentes de subvencións. En total, queda aínda sen pagar o 15 por cento da axuda que se lle concedeu no 2002, case 260.000 euros. O executivo vasco precisou que tampouco podería materializar as axudas pendentes porque as empresas de Egunkaria seguen pechadas por orde da Audiencia Nacional. Por outra parte, Egunero está nos quioscos con 20 páxinas e todas as seccións habituais.
O xornal deixa de ser un monográfico sobre Egunkaria dez días despois de que o xuíz da Audiencia Nacional Juan del Olmo decretara o peche cautelar do único xornal en eusquera pola súa suposta relación con ETA.
O obxectivo dos traballadores de
Egunero é sacar 32 páxinas antes de final de mes. As organizacións da mocidade do BNG; ERC, Chunta Aragonesista e do Partido Socialista de Mallorca expresaron nun comunicado o seu rexeitamento o peche de Egunkaria porque consideran que calquera intento de silenciar un medio de comunicación de forma arbitraria é un ataque directo á democracia e aos seus valores fundamentais.