Carlos Aymerich xustificou a medida para evitar o "veto" á iniciativa lexislativa popular impulsada pola CIG.
O voceiro do Grupo Parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, anunciou que presentará unha emenda aos Orzamentos para eliminar o plus de altos cargos e evitar, así, o "veto do PP" a incluír a iniciativa lexislativa popular impulsada pola CIG e avalada con 19 mil sinaturas.
Despois da Xunta de Portavoces, Aymerich volveu lamentar que non se incluíse a iniciativa na orde do día e rexeitou os argumentos do PPdeG de que era unha sesión moi densa. Pola súa banda, o popular Manuel Ruíz Rivas manifestou que nesta lexislatura se debaterán "todas as iniciativas lexislativas populares" pendentes e lembrou que esta levaba á espera "dende outubro de 2008".
Tanto os voceiros do PPdeG como do PSdeG eludiron expresar a súa posición sobre a supresión do plus e alegaron que xa amosarán o seu parecer cando se debata no Pazo do Hórreo. Porén, Rivas lembrou que o complemento se aprobada por unanimidade, ao que Aymerich matizou que fora unha emenda introducida polo PPdeG na Lei de Función Pública do bipartito. O voceiro nacionalista defendeu o seu voto favorábel daquela, porque "as circunstancias eran outras", e fixo énfase na necesidade de suprimir o pluspor mor da crise.
No Congreso dos Deputados
Pola súa banda, o voceiro do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, anunciou que se absterá nas votacións dos grandes bloques do proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2010 na comisión. A posición de Jorquera é clave, pois co seu voto podería suprimir algunhas das seccións ministeriais das contas públicas. O BNG, ao representar todo o Grupo Mixto, tería esa posibilidade, pero por non "violentar" a "maioría parlamentaria lexítima", decidiu absterse nas votacións dos grandes bloques do orzamento na comisión, mantendo o voto negativo á totalidade no pleno.
A abstención do BNG garantirá que o PP non suprima a política territorial do goberno español nin o orzamento dos ministerios de Igualdade e de Vivenda, xunto coa Sociedade Pública de Aluguer. Jorquera quixo deixar claro que a abstención do BNG non é consecuencia dos acordos acadados co PSOE en materia de fiscalidade e de investimento para Galiza, senón do "respecto á pluralidade do Grupo Mixto".
Lei Beckham e dedución do IRPF
Un dos acordos acadados polo BNG co Grupo Socialista, xunto con IU-ICV, foi manter a dedución íntegra dos 400 euros no IRPF para as rendas inferiores aos oito mil euros anuais e facela progresiva para as persoas con ingresos de até 12 mil, o que se corresponde cun salario bruto de 15.645,50 euros.
Tamén se acadou un acordo para reformar a coñecida como "Lei Beckham", que regula o réxime fiscal especial para estranxeiros non residentes. A partir de 2010, os que superen os 600 mil euros anuais tributarán ao 43%, e non ao 24%, como até agora.