"É un insulto e un desprezo aos cidadáns" aseguran os promotores da iniciativa, que gaban as críticas lanzadas por Encarna Otero.
Logotipo da campaña contra o 'plus' aos altos cargos
O sobresoldo que cobrarán os funcionarios galegos que ocuparon altos cargos na administración segue a recibir ataques de diferentes colectivos sociais. Un dos primeiros foi a CIG, e agora é un grupo de cidadáns o que se mobilizan a través da web Nuncamais.org. Dende esta páxina recollen sinaturas en contra da polémica subida dos 15.000 euros.
Quen está detrás da mobilización?
Os promotores do sitio web deixan claro que, malia o dominio empregado, nada teñen que ver coa Plataforma Nunca Máis, que se mobilizou contra o Prestige pois “onde hai partidos e sindicatos non hai cidadáns”.
Os organizadores acusan a PSdG e BNG de aprobar unha subida á que se opuxeron cando estaban na oposición e gaban a Encarna Otero, a Directora Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, que a través de Vieiros se pronunciou en contra do famoso 'complemento'.
Polo de agora Nuncamais.org recolleu unhas 150 sinaturas en tres días. A súa intención é remitir esas firmas ao Parlamento de Galicia para tirar abaixo a “desfeita” aprobada a través da na nova Lei da Función Pública.