Dende o sindicato nacionalista sospeitan que se estivo a retrasar o trámite para que a iniciativa lexislativa-popular non coincidise coas Xerais.
As protestas contra unha das medidas máis polémicas de 2007, a disposición adicional 17 da Lei de Función Pública, poden reactivarse co inicio da primavera. A iniciativa aprobada xa no Parlamento por unanimidade permite un plus de até 15 mil euros anuais para aqueles funcionarios que, logo de permanecer alomenos dous anos en postos de responsabilidade política, regresen á súa praza laboral.
Dende a Confederación Intersindical Galega (CIG) afirman que seguen adiante coa intención de recoller 15 mil sinaturas que forcen unha iniciativa lexislativa-popular no Parlamento. O propio secretario xeral do sindicato nacionalista, Suso Seixo, cre que a Mesa do Parlamento estivo a adiar deliberadamente os trámites previos á recollida da sinatura, que se iniciaron xa o 30 de outubro. Na CIG sospeitan que as eleccións xerais do vindeiro 9 de marzo poden explicar o retraso.
Segundo lle explicou a este diario o propio Seixo, no sindicato non teñen dúbida algunha de chegar ás 15 mil sinaturas necesarias para facer obrigada unha nova votación parlamentaria. Porén, recoñece que o retraso nos trámites deixou “medio apagado” o debate entre a opinión pública. Nos últimos meses o PSdeG e o PPdeG negáronse a cambiar o texto aprobado, mentres que os nacionalistas aseguraron estar dispostos a que se rectifique a controvertida disposición adicional.
Anterior: Privilexios ou igualdade: disposición adicional 17 (artigo de Encarna Otero en Vieiros)