o voceiro no Parlamento, Carlos Aymerich, reuniuse con dirixentes da CIG para analizar os pasos a dar para lograr a derrogación.
Aymerich (BNG) con Seixo e Louzao (CIG) este venres
O voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, mantivo este venres á mañá unha reunión con representantes da CIG, concretamente co seu secretario xeral, Suso Seixo e o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, para analizar diversos puntos entre estes o polémico plus de altos cargos.
Nesta xuntanza, segundo explicou Aymerich aos medios de comunicación, explicoulles a posición do BNG ao respecto dos pasos que se van dar para tentar derrogar a disposición adicional 17ª da Lei de Función Pública.
O deputado nacionalista asegurou que o BNG quere "lograr unha regulamentación do traballo no servizo público máis coherente, e que responda mellor ás necesidades e desexos da cidadanía".
Así, o "percorrido" que o nacionalismo prevé para este proceso pasaría por aproveitar o articulado da Lei de Orzamentos para provocar esta derrogación xa que nel "pódense regulamentar todas as materias que teñan a ver co gasto público", e esta vai ser unha das propostas que o BNG poña enriba da mesa.
Carlos Aymerich resaltou que, coa súa actitude, o BNG está a demostrar que "escoitamos á sociedade", e amosou a súa confianza en que os outros grupos políticos tamén apoien a iniciativa nacionalista.
A preguntas dos xornalistas sobre a polémica suscitada por este tema, o portavoz parlamentario asegurou que o BNG "sempre actúa con coherencia". "Adoptamos unha decisión e despois de escoitarmos o que a xente opina tentamos corrixila".