A Plataforma Galega Anti-transxénicos vai presentar alegacións ante o Ministerio de Medio Ambiente para que non autorice estes novos ensaios con millo xeneticamente modificado.
A Plataforma Galega Anti-transxénicos (PGA) asegurou esta cuarta feira que vai presentar alegacións contra a autorización concedida polo Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño (MARM) para a realización de ensaios con millo manipulado xeneticamente en cinco municipios galegos: Arzúa (Arzúa), Ribeira (O Barbanza), Mesía (Ordes), Vilalba (Terra Chá) e Chantada (Chantada).
A organización solicitou, ademais, ao departamento da ourensá Elena Espinosa que achegue información sobre a "situación exacta" das parcelas nas que se prevén impulsar os cultivos experimentais de millo transxénicos, xa que coidan que "non o goberno español nin o galego están a asumir a responsabilidade en materia de participación e consulta pública sobre estes ensaios".
Tras denunciar o "escurantismo" e a "complicidade" da administración agraria estatal coas empresas responsábeis dos ensaios, a PGA revelou que vai facer un envío masivo de solicitudes de información ambiental, para coñecer a localización exacta, mediante coordenadas xeográficas ou referencia catastral, das parcelas onde se solicitaron os ensaios, e instou os veciños destes cinco concellos a que envíen a súa propia solicitude ao MARM (para descargar, en .pdf) )para, deste xeito, poder actuar ante este "risco". Tamén denunciaron que non se tivese consultado aos agricultores e gandeiros como principais afectados, ademais de aos propios veciños.
Agora son cinco concellos, pero han de ser máis
A Plataforma Galega Anti-transxénicos leva tempo amosando o seu rexeitamento á autorización que o MARM concedeu ás empresas Monsanto, Pioneer e Procase para impulsar cultivos experimentais nun total de 67 municipios de todo o Estado, entre eles Arzúa, Ribeira, Mesía, Vilalba e Chantada no noso país. E máis aínda no caso de Chantada, que foi declarado, polos seus veciños e veciñas e o goberno local, zona libre de transxénicos, en agosto do ano pasado.
Segundo un dos últimos proxectos, publicado na web do Ministerio, aínda se van facer máis ensaios con organismos modificados xeneticamente en Galiza -comezaron en 2004-, entre eles os dunha variedade de millo, o NK603 x MON810 que, segundo a PGA, ten serios efectos perniciosos sobre o organismo. Os ecoloxistas sinalaron, neste sentido, que en novembro do ano pasado presentouse na Universidade de Viena o estudo Biological effects of transgenic maize NK603xMON810, que conclúe que os ratos alimentados con esta variedade de millo tiveron menos descendencia na terceira e cuarta xeración "mostrando diferenzas estatisticamente significativas".
Este millo está aprobado para a súa importación na Unión Europea, e emprégase para uso en alimentación humana e animal. Mais os ecoloxistas galegos recalcan que agora que se demostrou que este millo non é bo para a saúde, todo o proceso de aprobación fica en dúbida. Así, criticaron a "irresponsabilidade" e "hipocrisía" demostrada polos gobernos da UE ao non facer primar o "principio de precaución" que decretaron sobre o cultivo de organismos manipulados xeneticamente.
Millo transxénico no noso país: onde está?
En Galiza concéntranse unha grande parte dos case medio millón de metros cadrados de todo o Estado nos que as empresas Monsanto, Pioneer e Limagrain Ibérica cultivan millo transxénico, engadíndolle a este feito o risco que supón que se poidan contaminar outros campos de millo, debido á polinización cruzada. Neste sentido, a PGA denuncia que no noso país foi medrando, nos últimos tres anos, o número de campos experimentais dedicados a este cultivo, esparexéndose por leiras de Ribeira, Mesía, Val do Dubra, Touro, Arteixo, Vilalba, Chantada, Castro de Rei e Lalín, sen que se investigase aínda, segundo denuncian os ecoloxistas, se existen "un risco significativo para a saúde humana e/ou do medio".
Para a PGA, a desinformación sobre onde se atopan estes cultivos ou os efectos que teñen na saúde do gando, o medio e as persoas é debida a que "non interese nin a empresas nin a gobernos" dar información sobre os riscos destes produtos, xa que se trata dun dos "primeiros chanzos cara a privatización do proceso de produción de alimentos e o seu control por parte das transnacionais, conculcando o dereito á soberanía alimentar dos pobos".
A "febleza" dos políticos galegos" ante os transxénicos
Alén disto, dende a Plataforma Galega Anti-transxénicos quixeron tamén culpar deste novo desembarco de transxénicos á "febleza" do texto aprobado por consenso no Parlamento o pasado 26 de novembro -cando os tres grupos acordaron que non se produzan transxénicos dedicados ao consumo no noso país, mais nada se falou de ensaios. Ao seu ver esta "covardía política dos nosos representantes", foi percibida polas multinacionais da biotecnoloxía como "unha porta aberta para a liberación de novos OXM´s na Galiza de xeito experimental".
O pasado 26 de xaneiro a PGA manifestábase ante o Parlamento, para que os tres grupos declarasen Galiza zona libre de transxénicos