Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Defenden os cultivos tradicionais

PSdeG, PPdeG e BNG piden que non se produzan transxénicos en Galiza

Reclaman fixar sistemas de rastrexabilidade para informar os consumidores do que comen. Tamén se apoiou a investigación en biotecnoloxía.

Redacción - 17:03 26/11/2008
Á porta do Parlamento, os ecoloxistas manifestáronse contra os transxénicos

Á porta do Parlamento, os ecoloxistas manifestáronse contra os transxénicos

Os tres grupos políticos con representación no Parlamento, PPdeG, PSdeG e BNG aprobaron esta cuarta feira, por unanimidade, pedirlle ao Goberno que en Galiza non se produzan transxénicos destinados ao consumo humano e animal, así como que se incentiven as producións agrogandeiras tradicionais de calidade e os cultivos ecolóxicos.

O acordo foi posíbel ao aceptaren os nacionalistas modificar unha súa Proposición non de Lei -exposta pola deputada Tareixa Paz e que pedia declarar Galiza Zona Libre de Transxénicos- tras recibir as emendas, tanto dos socialistas coma dos populares. O texto consensuado tamén reclama fixar sistemas de identificación, control e rastrexabilidade dos produtos, para que se garanta información ao consumidor sobre a súa procedencia e métodos de cultivo e crianza.

Outro dos puntos pactados polos tres grupos solicita incentivar a investigación en biotecnoloxía e enxeñaría xenética, alén de informar á cidadanía, e, en especial, aos profesionais do sector -gandeiros e labregos- de todos os aspectos relacionados cos OXM.

Para que Galiza non quede ao marxe do mundo neste debate

A autora da iniciativa, a nacionalista Tareixa Paz, solicitaba que Galiza fose declarada zona libre de transxénicos, ao entender que "existe unha grande incerteza sobre as súas posíbeis consecuencias sobre os humanos e animais".
Polo seu lado, a socialista Marisol Soneira lembrou que hai tempo que se fan seleccións xenéticas, a alertou de que "non se debe pensar que a tecnoloxía é mala por si mesma" xa que hai que "poñela ao servizo dos humanos, e non ao revés". Polo seu lado, o parlamentario popular Roberto Castro, desautorizou a proposta do Bloque porque "a lexislación europea non permite prohibir os transxénicos" en ningún territorio da UE, e describiu a proposta dos nacionalistas como "ideolóxica", e derivada do seu "compromiso" con algunhas organizacións ecoloxistas. Castro tamén avogou por non prohibir os transxénicos, por "non estar probado que non son nocivos".

Na súa réplica, Tareixa Paz asumiu a restrición da UE, mais aclarou que o BNG "non quere que Europa decida, sen que Galiza diga nada". "dende aquí tentamos modificar as cuestións que consideramos son de interese dos galegos e galegas", sinalou Paz, ao tempo que aclaraba que o BNG non está en contra da UE, senón da "Europa que antepón os intereses das multinacionais aos dos cidadáns". Neste sentido, reiterou que dende o seu partido pensan que é importante que Galiza non quede á marxe dun debate que se está a dar a nivel internacional, o da necesidade ou non de cultivar transxénicos.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: