Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ORIENTE PRÓXIMO

Masacre en Gaza

O ataque terrestre "limitado" de dez mil soldados israelís na Faixa saldouse con varias decenas de mortos, moitos deles civís e mesmo crianzas.

Redacción - 09:55 04/01/2009
Tanques israelís avanzan cara a Gaza. Ao fondo, fume de explosións

Tanques israelís avanzan cara a Gaza. Ao fondo, fume de explosións

As forzas terrestres israelís penetraron a Faixa de Gaza coa escusa de frear os foguetes lanzados por militantes de Hamás. Porén, os civís son os que están a levar a peor parte. Segundo fontes no interior do territorio atacado, máis de 20 persoas morreron durante os combates nocturnos, varios deles civís, e ducias resultaron feridos.

Segundo o exército israelí, 30 dos seus soldados foron feridos, dous deles de gravidade. O que Israel cualifica de "operación limitada" mobilizou xa dez mil tropas e centos de tanques. Ademais, o goberno xa convocou "decenas de miles" de militares reservistas.

Informacións da BBC indican que os combates están a ter lugar na cidade de Gaza, na localidade de Beit Lahiya, ao norte, e no campo de refuxiados de Xabaliya. O secretario xeral da ONU pediu que se detivesen as operacións, porén, o Consello de Seguridade, reunido de urxencia, non chegou a un acordo, polo bloqueo dos Estados Unidos. Segundo fontes diplomáticas, o embaixador estadounidense, Alejandro Wolff, xustificou que unha declaración oficial que criticase tanto a Israel como a Hamás non sería útil.

Por outra banda, a canle de televisión Al Aqsa TV, afiliada a Hamás, afirmou que o grupo capturou dous soldados israelís, o que non foi verificado por outras fontes nin confirmado polo exército de Israel.

Segundo fontes médicas palestinas citadas por Al Jazeera, dende o comezo dos ataques, xa hai máis dunha semana, morreron máis de 464 palestinos e máis de dous mil resultaron feridos. Os foguetes lanzados polos palestinos sobre o sur de Israel a semana pasada provocaron catro mortes.

Para evitar a axuda humanitaria e a chegada de embarcacións de protesta, Israel estendeu este domingo o bloqueo naval de Gaza dende as seis millas náuticas até as 20 millas.

Novas concentracións
O sábado á noite concentráronse preto de mil persoas perante o Marco, en Vigo. A consecuencia da entrada das tropas terrestres israelís en Gaza, este domingo ás seis do serán e, despois, cada día ás 20 horas mentres non remate o conflito, repetiranse as protestas pacíficas.

Na Coruña está convocada outra manifestación que partirá ás 20:30 do Obelisco, tamén o domingo 4.

Manifestación nacional
Galiza por Palestina convocou unha xunta o vindeiro mércores, 7 de xaneiro, ás 19 horas na Galería Sargadelos de Compostela, na Rúa Nova, para debater a organización dunha manifestación nacional galega en repudio dos crimes sionistas e da ocupación de Palestina. A convocatoria xorde a petición de diversas persoas e colectivos nas mobilizacións que tiveron lugar estes días por todo o país.

Máis información:


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: