Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ORIENTE PRÓXIMO

Os tanques israelís entran en Gaza

Centos de soldados, apoiados por blindados e helicópteros, penetraron a última hora da tarde deste sábado polo norte da Franxa.

Redacción - 22:05 03/01/2009

Minutos despois das sete da tarde deste sábado, hora galega, unha columna de tanques israelís, apoiada por helicópteros de combate, entrou polo norte da Franxa de Gaza. Canda os blindados entraron centos de soldados que están a tomar posicións no territorio palestino. Fontes do exército israelí aseguran que as súas tropas queren desmantelar os puntos dende onde Hamas lanza foguetes. Os líderes de Hamas pedíronlle a todos os habitantes que loite sen descanso contra as tropas que invaden a Franxa.

Poden ampliar a información (acompañada de imaxes) na BBC


(18.05 horas)
A artillaría e os tanques israelís bombardearon o territorio de Gaza no que se cre que foi a primeira incursión por terra da ofensiva. Ademais, volvéronse lanzar ataques aéreos.

Segundo informa a BBC, os correspondentes dixeron que a actividade podería ser un sinal de que os militares de Israel están a piques de principiar un ataque terrestre. Cando menos dez persoas morreron cando unha bomba estoupou nunha mesquita en Beit Lahiya.

Testemuñas afirman que dentro da mesquita de Ibrahim al-Maqadna había máis de 200 persoas nos rezos da tarde á hora do ataque. Segundo médicos palestinos e oficiais de Hamás, pode haber ducias de feridos.

Pola súa banda, Europa Press cita o xornal The Times, que indica que o ataque da artillaría podería ser o adianto dunha "inminente" invasión por terra da Faixa, probabelmente a través da estrada de Philadelphi, na fronteira entre Gaza e Exipto.

Precisamente, este sábado o brazo armado de Hamás, as brigadas Al Qassam, declaraban ter repelido un ataque de forzas especiais israelís que tentaran traspasar a fronteira de Gaza. O exército israelí non respondeu a esta información da canle qatarí Al Iasira.

O líder político de Hamás no exilio, Kalid Mexaal, xa advertiu a Israel contra unha ofensiva terrestre, asegurando que lles agardaba un «destino negro» ás súas forzas se se producía unha invasión.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: