EUA exíxelle a Hamas o cesamento inmediato do disparo de foguetes. Convocan actos de solidariedade co pobo palestino, este martes en Compostela e en Vigo.
Un soldado israelí en Cisxordania discute con manifestantes polo ataque a Gaza (clique para ampliar)
O xeneral do Exército israelí e membro da xefatura de estado maior, Dan Harel, afirmou o luns que "esta operación é diferente das precedentes". "Estamos no comezo da batalla. A parte máis difícil aínda está por chegar e debémonos preparar", declarou ao xornal Yédiot Aharonot.
Neste senso, o ministro de Defensa de Israel, Ehud Barak, anunciou durante unha sesión especial da Knesset (o Parlamento) que a ofensiva en Gaza, que xa causou a morte de cando menos 320 persoas, "ampliarase e agudizarase tanto como sexa necesario". Todo fai prever unha incursión terrestre inminente.
"Sabemos cales son os obxectivos e avanzamos cara a eles con determinación", engadiu. Segundo Barak, a operación non responde a "sentimentos de vinganza" ou "xenreira", senón que chega tras meticulosas preparacións "levadas a cabo coa cabeza fría e responsabelmente".
Estados Unidos
Ao respecto, o goberno de Estados Unidos culpou da violencia a organización islamista Hamas, que controla o goberno de Gaza, e exixiulle que deixe de "lanzar proxectís contra Israel" e "respecte o cesamento do fogo" dos últimos meses.
Nun comunicado que leu un voceiro da Casa Branca, George Bush fixo un chamamento a prol dunha paz duradeira e sostíbel na rexión. Israel, afirma, o único que busca coas súas operacións militares é defender os seus cidadáns, e non busca retomar o control de Gaza.
Ademais, segundo informan as axencias internacionais, o presidente electo do país, Barack Obama, mantén contacto permanente con Bush, e reunirase nas próximas horas co seu conselleiro de seguridade nacional, o xeneral James Jones, e coa súa futura secretaria de Estado, Hillary Clinton.
Condena a ofensiva de Israel
Numerosos países de todo o mundo, na súa maior parte de maioría musulmá, entre estes Paquistán, Afganistán, Indonesia e Malaisia, seguiron condenando este luns a ofensiva de Israel. O ministerio afgán de Exteriores dixo que os bombardeos, que "matan inocentes", non poden xustificarse "só pola política de Hamas".
Tamén China mostrou a súa preocupación pola actitude israelí. Xapón chamou á calma a ambas as dúas partes. O goberno de Sudáfrica convocou o embaixador israelí para transmitirlle a súa "profunda inquietude" ante a "brutal agresión" das forzas israelís en Gaza. No polo oposto, informa AFP, Canadá e Alemaña, ao igual que EUA, culparon directamente a Hamas da violencia.
Solidariedade co pobo palestino en Compostela e en Vigo
A Coordinadora Galega pola Paz, a Iniciativa polos Dereitos Humanos, a Coordinadora de ONGDs, o Foro de Inmigración, a Fundación Araguaney, entre outras entidades civís do país, convocaron para este martes unha concentración de urxencia en Compostela "para reclamar a fin da brutal agresión do Estado de Israel ao pobo de Palestina".
O acto, programado para as 20.00 horas na Praza do Toural, será silencioso. As asociacións promotoras suxiren que os asistentes porten velas e vistan o kufieh (pano palestino) como mostra de solidariedade cos habitantes de Gaza.
Á mesma hora, en Vigo, tamén haberá unha outra concentración irmandada coa da capital galega. Neste caso será diante do MARCO.