Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A Xunta anuncia a disolución deste ente

A Fundación Arao desaparecerá a próxima semana

Concibida en 2003 como apenas unha peza máis no proxecto de "maquillaxe" dos déficits, e coa que a administración agochaba daquela a súa inoperancia fronte á crise o Prestige.

Redacción - 19:30 17/07/2008

Até o treito final da lexislatura agardou o Goberno para suprimir a que foi no momento da súa creación un símbolo da inacción e a propaganda fronte ao afundimento do Prestige. Investigadores e colectivos sociais teñen denunciado que proxectos do tipo que, co tempo, acubillou esta Fundación, alén do valor de moitos deles, puideron ser coordinados desde os correspondentes departamentos da administración sen necesidade de botar man do que foi un instrumento "opaco" e "innecesario".

PSdeG e BNG coincidían daquela en denunciar o factor "propagandístico" co que o executivo botaba adiante este organismo, nun tempo en que a "ineficacia" era definición da actuación do executivo neste eido. Con todo, non foi até esta semana que á fin o conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, anunciou que a Fundación Arao se disolverá.

Romeu explicou este xoves que a Fundación "cumpriu os seus obxectivos", relacionados coa recuperación e restauración de lugares a raíz do vertido do Prestige. "Cumpridos os obxectivos consideramos que é o momento de disolver a Fundación Arao", dixo durante unha visita a Carnota.

O balance oficial da Fundación Arao recolle o investimento de 13,9 millóns de euros a través de 109 actuacións que se executaron en 66 concellos afectados polo Prestige, e que implicaron 27 proxectos de investigación e 16 accións relativas a outro tipo de iniciativas.


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: