A defensa da transparencia na actuación do goberno e a demostración de que "a cuestión do Prestige é prioridade", recomendarían prescindir da Fundación Arao, segundo reflexiona Rafa Villar da Plataforma Nunca Máis. Desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Fins Eirexas resume que iso sería o mellor "por hixiene política e por xustiza social" e Xan Duro, de Verdegaia, lembra que a "ineficacia" e a "prepotencia" do executivo anterior durante a crise do petroleiro foran causa do nacemento dunha fundación claramente innecesaria. Como lles contabamos este martes, o goberno non decidiu aínda sobre o futuro da institución.
"Camiñando cara ao primeiro ano dunha nova administración e falando como se está falando tanto de transparencia, non parece demasiado xustificábel seguir optando por esta Fundación", opina Rafa Villar. No mesmo sentido que o voceiro da Plataforma Nunca Máis pronúnciase o secretario executivo de Adega, Fins Eirexas, para quen optar pola transparencia significa necesariamente e no que lle toca á xestión das consecuencias do Prestige "rematar con ese esperpento da Fundación Arao" e amosar que "as cousas poden facerse doutra forma".
Daquela na oposición, PSdeG e BNG xa pediran, ao xeito dos colectivos ecoloxistas, que os fondos ingresados pola fundación se distribuísen entre os departamentos correspondentes da Xunta, desde Medio Ambiente a Política Territorial, ademais de dubidar da vontade de actuación dunha institución na que se lles bloqueaba o paso aos ambientalistas e onde a representación política era en exclusiva do PPdeG. Fins Eirexas subliña esa situación como claro exemplo do "funcionamento opaco e as perspectivas pouco claras" do ente, onde se lle pechaba o paso a colectivos ecoloxistas como Adega que nese tempo chegaron a coordinar "máis de 50 mil voluntarios".
"O último que necesitabamos despois dunha situación como a que tivemos co afundimento do Prestige eran instrumentos opacos coma este", láiase Xan Duro, de Verdegaia, opinando que a introdución da Fundación Arao é exemplo dun modo de actuar "estendido en Galiza" que tendería a confundir e mesturar o poder político co poder empresarial, afastando máis aos cidadáns do control do que se fai cos seus cartos. Como coordinador deste novo colectivo ecoloxista, Xan Duro, quen fora activo representante de Adega durante os peores momentos da crise do Prestige, comenta que potencialmente a administración tén as competencias e os departamentos indicados para asumir as tarefas supostamente xestionadas por esta fundación, polo que non tería sentido duplicar e até triplicar os chanzos burocráticos "con funcións que debera asumir directamente o goberno" e non caeren nunha arañeira administrativa que "axuda a que escapen do control parlamentar directo". "No seu momento puxo de manifesto todas as eivas da actuación do goberno, a incapacidade, a irresponsabilidade...", comenta Fins Eirexas, de Adega, "nin sequera era unha manobra moi hábil desde o punto de vista propagandístico porque evidenciaba que o goberno non tiña capacidade e creaba un mecanismo que usurpaba funcións da administración".
Desde a Plataforma Nunca Máis subliñan que o posicionamento non vai en contra das achegas económicas para financiar todo tipo de traballos de recuperación logo das mareas negras do Prestige, pero apuntan sobre o innecesario da creación da Fundación Arao, adoptando un modelo de xestión "que podía dar lugar aos caciqueos habituais e a reproducir as eivas habituais do reparto desigual entre os concellos". Rafa Villar, voceiro da Plataforma, lembra as críticas adicadas a esta fundación e aposta por un xesto do bipartito, "que a eliminen ou que a transformen noutra cousa", nun momento onde desde Nunca Máis advirten que se observa "certo desleixo" en todo o vencellado ao Prestige. "O modelo de xestión das fundacións é un tanto aberrante e xa foi criticado bastantes veces", subliña ao fío Villar.
Os tres colectivos coinciden en criticar especialmente o propio nome escollido polo anterior executivo, Fundación "Arao", en claro desafío aos colectivos que nese tempo denunciaban a extinción desta ave e o desinterés da Xunta por atender as súas denuncias. "Foi o exemplo da prepotencia coa que se actúa nese momento contra un movemento ecoloxista que lles resultaba molesto", lembra Xan Duro. "O propio nome evidenciaba a chulería e a desvergoña coa que os representantes políticos do PP afrontaron a situación", recorda Eirexas.