Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AS DÚBIDAS SOBRE O FUTURO DUNHA POLÉMICA INSTITUCIÓN

Para que serve a Fundación Arao?

Hai máis de tres anos que logo do afundimento do Prestige o goberno de Manuel Fraga decidía a creación dunha Fundación para a xestión de proxectos vencellados á crise provocada polo petroleiro. Co obxetivo de peneirar o ingreso de todo tipo de axudas de institucións, particulares e empresas cara aos afectados pola catástrofe, a creación deste organismo foi recibido polos partidos da oposición e os principais colectivos cidadáns que se mobilizaban naquel tempo coma unha pedra máis no muro da propaganda co que a administración galega buscaba agochar os seus défices. Un ano despois do cambio de goberno, o executivo non decidiu aínda sobre a continuidade desta institución.

- 07:00 30/05/2006
Tags:

O propio lema ao fío do cal se presentaba este organismo, "Máis que nunca con Galiza", aparecía coma un claro desafío do goberno do PPdeG á Plataforma Nunca Máis, protagonista nese tempo das máis importantes mobilizacións sociais da recente historia galega. "Arao ou gaivota?" en referencia ao propio símbolo que vén sendo utilizado desde hai anos polo Partido Popular, era o titular escollido por Vieiros naqueles días para ilustrar a polémica aberta pola creación dunha fundación que a Xunta promovía co presunto obxetivo de peneirar as doazóns públicas e privadas concedidas de forma desinteresada, fosen públicas ou privadas, destinadas aos veciños afectados e a proxectos de recuperación de costas.

Certamente, o propio nome da Fundación Arao, viña a facer referencia a un ave que fora noticia moito antes da propia catástrofe do Prestige. Os colectivos ecoloxistas denunciaran desde anos atrás que o arao dos cons, cun aquel aos pingüíns, era a ave máis ameazada de extinción a nivel estatal e que, aniñando xa só en dous ou tres lugares das costas galegas, estaba a piques de desaparecer do contorno galego sen que desde a consellaría de Medio Ambiente se tivese atendido a ningunha das demandas para a súa protección nas que insistían desde as asociacións. Daquela, co fuel enchoupando as costas galegas e a avaliación da morte de máis de dez milleiros de aves de todo tipo en apenas tres semanas de marea negra desde o afundimento, a escolla parecía aínda máis paradoxal nun momento en que o goberno era acusado de non responder con medidas efectivas á situación.

Orzamento de tres millóns de euros en 2005
Fronte ás denuncias de escurantismo na xestión, a Fundación publicou en 2005 o detalle da auditoría das súas contas na propia web do organismo, cuns ingresos orzamentados de 3.1 millóns de euros, gastando en proxectos nese período un total de 2.1 millóns e acumulando ao cabo do ano un gasto corrente, en instalacións e persoal, de 121 mil euros. Con todo, desde o executivo aseguran que existe auditoría da actividade da fundación nos exercicios anteriores, tanto trimestral como anualmente en todo a traxectoria desde o seu nacemento. Nos seus tres anos de traxectoria manexou xa un volumen de investimentos por riba dos catorce millóns de euros.

O funcionamento implica que as propostas de investimento son presentadas polos propios concellos e unha comisión de avaliación da Fundación decide sobre a súa concesión. Aínda que creada para "a recuperación ambiental de Galiza", na súa lista de actuacións inclúese mesmo a colaboración financieira con autoridades de Marrocos para a rexeneración dunha zona de praias a poucos quilómetros de Melilla. Á beira, fináncianse proxectos de investigación científica relacionados coa contaminación producida por vertidos de hidrocarburos.

A súa actividade vai desde o sistema de captación de auga mariña do Aquarium Finisterrae, até o observatorio natural de fauna mariña de "Punta Atalaia", pasando por unha ampla lista de arranxo de accesos a praias ou mesmo o acondicionamento do polideportivo municipal de Muxía. Doutra banda, as investigacións apoiadas inclúen desde o estudo dos efectos sanitarios e psicosociais da catástrofe até a avaliación do estado das lagoas costeiras, peneirando os cartos para iniciativas acometidas por diferentes universidades e mesmo departamentos da administración.

Independentemente da necesidade valoración da necesidade de cada unha das accións financiadas, entre as críticas está precisamente o cuestionamento da existencia dun organismo adicional que baixo o modelo dunha Fundación, longamente reprochado pola súa aplicación a outras áreas da administración, introducise novos chanzos burócraticos en tarefas que deberan asumir os respectivos departamentos do goberno. Obstáculos adicionais que paradoxalmente chegaban nun momento onde a lentitude e a ineficacia na resposta eran acusación ben repetida.

Hai futuro para a Fundación?
A Fundación Arao está presidida polo conselleiro de Presidencia e son vogais da institución os conselleiros de Economía e Medio Ambiente, estando tamén integrados na súa comisión executiva un representante de Seguros Ocaso, Telefónica, e un representante rotatorio dalgunha das entidades banqueiras que forman parte do Padroado. Como director xerente da Fundación aparece Víctor Manuel Vázquez-Portomeñe.

A caixa da fundación manexaba este ano un total de 788 mil euros, e o pasado 5 de maio reuniuse a comisión executiva para decidir sobre os proxectos presentados na última convocatoria pública da entidade e aprobaren as contas anuais, dándolle beizón a proxectos por un total de 770 mil euros. En datas próximas, o Padroado debera reunirse outra vez e precisamente para decidir sobre o futuro da entidade, ben a súa desaparición ou a reformulación do proxecto.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: