Importante paso adiante cara á consecución dun dominio de internet para a cultura galega
A forza de Puntogal -a iniciativa a prol dun dominio de internet para a cultura galega- aumentou de forma significativa esta semana. E é que o Eixo Atlántico -que reúne a dezaoito cidades de Galiza e do norte de Portugal- acaba de aprobar a súa adhesión a esta promotora.
A Coruña, Braga, Bragança, Chaves, Ferrol, Guimarães, Lugo, Monforte de Lemos, Ourense, Peso da Régua, Pontevedra, Porto, Santiago de Compostela, Viana do Castelo Vigo, Vila Nova de Gaia, Vila Real e Vilagarcía de Arousa son as cidades que deste xeito se suman á organización que loita polo “.gal”.
Todos a unha
O acordo foi adoptado por unanimidade este luns nunha xuntanza en Santiago. A proposta realizouna o Consello da Xuventude de Galicia, un das ducias de entes de tódos os ámbitos que está na promotora de Puntogal.
Mentres tanto, a ICANN -o ente que regula os dominios de internet- segue a traballar nas bases que rexerán a próxima convocatoria de novos dominios, prevista, de xeito non oficial, para comezos de 2008.