Ascel e Verdegaia denuncian que a Federación Galega de Caza pretende xerar rexeitamento cara o cánido imputándolle un hipotético descenso do número de corzos.
Verdegaia e ASCEL subliñan que todos os estudos científicos inciden nas nefastas consecuencias que ten a matanza masiva dos lobos
A Asociación para a Conservación e Estudo do Lobo (ASCEL) e mailo colectivo ecoloxista Verdegaia denuncian á Federación Galega de Caza por “buscar desesperadamente crear conflitividade social para cazar lobos inxustificadamente”. Refírense á “avalancha de queixas dos tecores lucenses que lle imputan o lobo un hipotético descenso dos corzos debido a un suposto aumento da especie na provincia, sen achegar datos da variación de ambas poboacións”.
Estes colectivos recordan que ante a presenza dun depredador como o lobo, os corzos modifican a súa conduta adoptando unha maior actividade nocturna, seleccionando áreas de maior cobertura ou pasando máis tempo de vixía. En consecuencia, é máis difícil detectalos, o que non significa que diminúa a súa poboación.
Doutra banda, tamén contradín a hipótese segundo a cal se autorizan batidas como método de prevención ante os ataques ao gando. Subliñan que, segundo un estudo publicado anteriormente por ASCEL, queda demostrado que o lobo só é responsábel dos danos do 0,092% dos ataques a gando doméstico en Galiza, polo que”as enfermidades cáusanlles máis perdas ao gremio gandeiro que o lobo”.
Así, conclúen que a extensión e repercusión destas falsas suposicións acerca do lobo obedecen ao “interese dos tecores lucenses por cazar inxustificadamente, igual que ocorre con outras especies como o raposo ou os cormoráns” e lembran que “todo isto ten lugar á marxe de decenas de estudos científicos que inciden nas nefastas consecuencias que ten a matanza masiva de exemplares ou a caza de grandes depredadores para a ecoloxía das poboacións e para a súa viabilidade a longo prazo”.