Máis de dous milleiros de tractores, catro veces máis que na última tractorada, transitan polas rúas de Compostela, onde exixen medidas urxentes por parte da Administración. Vídeo no interior.
"Levamos catro meses sen cobrar o leite e aínda non sabemos a que prezo nolo van pagar" laméntase Xosé Manuel, un gandeiro que colabora cos seus pais nunha pequena explotación en Mazaricos. "Non me podo adicar á agricultura, porque non lle vexo futuro, senón non dubidaría en tirar para adiante" subliña, ao tempo que recorda que as administracións son as que teñen que apostar polo rural porque, do contrario, como acontece nunha ringleira de pezas do dominó que caeu unha tras doutra "todos pasaremos fame", explica.
Este mozo é un dos que, con tractor incluído, se achegou este martes até Santiago de Compostela para exixir unha solución para os problemas do rural. Canda el, outros labregos, como Suso, de Tordoia, ou Marisa, de Santa Comba, aseguran que se ven abocados ao peche, que non poden afrontar os gastos, que "cada día se están a empeñar máis"... En suma, máis de dous millóns de gandeiros mudaron este martes o agro polo asfalto para berrar que xa non poden máis.
Colapso nas estradas
Segundo as cifras dos sindicatos, foron máis de dous milleiros os tractores que participaron na marcha convocada polos tres sindicatos agrarios, as cooperativas de produtores e Gandeiros Unidos. Unha vez máis, acompañados de pancartas alusivas á crise que están a atravesar e exixindo solucións inmediatas ás administracións, unha ringleira de vehículos agrícolas circularon polas estradas compostelás. Sobre as 11 da mañá saíron dende o mercado de Amio, para percorrer seguidamente algunhas das rúas máis concorridas da cidade, como a Avenida de Castela, Vista Alegre, Romero Donallo ou a Avenida de Lugo.
A cantidade de tractores que participaron nesta convocatoria fixo que pasadas dúas horas dende a saída da cabeza, aínda a cola non arrincara dende o Mercado de Amio. Hai que subliñar que nesta marcha participaron catro veces máis tractores que na manifestación similar vivida hai un mes na capital compostelá.