Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Tractores á rúa esta semana

Gandeiros a un fío da creba "se non se fai nada para o reflotamento"

Mobilizacións en todo o país en demanda de axudas directas que eviten o peche das granxas e o previsíbel "efecto arrastre" noutros sectores agrogandeiros.

Redacción / EP - 08:00 13/07/2009

Será, de non tomaren a iniciativa as administracións, "unha catástrofe que pode durar décadas", advirten as organizacións convocantes.

Por este motivo, produtores lácteos mobilizarán uns 3.000 tractores que circularán por Santiago e Lugo esta semana para esixirlle a Xunta e goberno español axudas directas "de inmediato" e solucións dirixidas a evitar o peche de explotacións e a "morte" do sector leiteiro galego.

"É unha chamada á desesperada do sector pola súa supervivencia", explicou o xerente da Asociación Galega de Cooperativas (Agaca), Hixinio Mougán, na presentación desta 'Semana en Branco' que terá lugar entre luns e venres, tras advertir de que as mobilizacións non pretenden ser "unha agresión á cidadanía".

Os vehículos transitarán luns e mércores por rúas do centro da cidade da Muralla e o martes pola capital do país, se ben algúns tractores participarán nos actos previstos ante os estabelecementos da distribución comercial en Santiago.

En Compostela, os vehículos chegarán dende distintos puntos das provincias d'A Coruña, Lugo e Pontevedra e comezarán a concentrarse no mercado de gando de Amio ás 10.00 horas. O martes desenvolverase a xornada de tractorada polo centro da cidade dende as 10.30 horas, mentres que o mércores a protesta se trasladará a varios establecementos de LIDL, Maxi Día e Eroski-Vegalsa da capital galega e os seus arredores.

O xoves, os produtores lácteos realizarán unha manifestación que arrancará no mercado de gando de Amio e concluirá ante a sede da Xunta en San Caetano. Finalmente, o venres sindicatos e cooperativas celebrarán senllos actos de información aos consumidores na Praza Roxa e Porta Faxeira.

No caso de Lugo, o luns producirase a chegada de tractores á explanada do recinto deportivo do Pombal e a circulación dos vehículos nunha protesta polo centro urbano ata as 17.00 horas. As actuacións ante grandes establecementos comerciais serán o martes, mentres que o mércores volverán circular os tractores, o xoves realizarase unha manifestación a pé até a Subdelegación do goberno español e, xa o venres abandonarán a cidade.

172 millóns menos

O secretario xeral de Xóvenes Agricultores, Francisco Bello, estimou que as máis de 13 mil explotacións lácteas da comunidade ingresaron 127 millóns de euros menos durante o primeiro semestre deste ano respecto ao mesmo período de 2008 a raíz do progresivo descenso do prezo do leite nos últimos doce meses. Segundo indicou, o sector "perde" un millón de euros diarios "aproximadamente" --838.000 euros menos--.

Bello destacou que os gandeiros percibiron en abril deste ano 10,22 céntimos menos por cada litro de materia prima que no mesmo mes de 2008. Ese descenso foi en xuño de 13,53 céntimos, de forma que hoxe un produtor lácteo recibe unha media de 23 céntimos por litro de leite.

Así, comparou o valor da produción diaria de leite na comunidade --6,2 millóns de litros-- en función do prezo de xuño de 2008 e o deste ano, até concluír que esa diferenza foi de 25 millóns de euros, que sumados ao custo de produción do volume total de leite --33 céntimos por cada litro-- ascende, como indicou, a 43,6 millóns de euros en xuño. A mesma comparativa realizada entre xaneiro e o sexto mes deste ano se eleva aos 127 millóns de euros citados.

Pola súa banda, o seu homólogo de Unións Agrarias, Roberto García, denunciou que son "máis de 10 mil" as familias que nos tres últimos meses "están a pagar por traballar". "Non é que non teñan salario ou seguro de desemprego, senón que teñen que tirar de aforros ou créditos para continuar na súa actividade", afirmou, para descartar que esta situación estea vinculada ao "risco empresarial" e atribuila ás "actuacións ilegais" --que tachou de "delitos"-- dos "axentes intermediarios".

Peche definitivo de granxas

Á súa vez, o xerente de Agaca, Hixinio Mougán, advertiu de que a tendencia de prezos conduce a "un peche definitivo de explotacións" e que xa hai gandeiros que "empezan a facer números" para pechar as súas granxas". As estimacións das catro organizacións sitúan nunhas 600 as explotacións que deixaron de producir leite.

Neste sentido, cuestionouse as "forzas estrañas" que interveñen no sector cando nun Estado deficitario –a nivel estatal prodúcense 6,2 millóns de toneladas de lácteos aínda que se consumen máis de 9 millóns de toneladas-- a caída do prezo do leite superou o 20% fronte á media comunitaria, "de entre o 2 e 4%".

"Que escoiten o clamor dos gandeiros", reclamou a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, quen esixiu á Consellería de Medio Rural que "lidere" ante o Ministerio do ramo (MARM) a demanda de mecanismos para "adecuar a oferta á demanda na UE" --mantemento dun control da produción como as cotas lácteas-- e así frear os "mares de leite" que afectan ao mercado estatal, así como de fixación de prezos que garanta a "viabilidade" e "estabilidade" das granxas.

Apoio de Gandeiros Unidos

Gandeiros Unidos participará nas mobilizacións convocadas esta semana en Santiago e Lugo polos tres sindicatos agrarios e as cooperativas lácteas ao constatar un agravamento da crise que afecta ás explotacións galegas.

Esta asociación, integrada en Galiza por uns 2 mil produtores lácteos, esixirá á Administración estatal que controle a entrada de materia prima procedente doutros países e que responsabilizan de "arruinar" os produtores galegos e españois. Así, denunciaron que hai gandeiros que se perciben o leite a 9 céntimos o litro, contía que cualificaron de "ruína", e de explotacións que cobran a materia prima de tres en tres meses.

Gandeiros Unidos sinalou, ademais, que adoptarán medidas legais contra as "ameazas" e "presións" recibidas para que non asistisen ás manifestacións da próxima semana ou, hai perto dun mes, para que os produtores lácteos non asistisen a tractorada convocada por esta organización en Santiago.

Pola súa banda, a Federación de Empresarios Produtores de Lácteos (Feplac) reprobou as protestas previstas e considerou que, en lugar dunha 'Semana en branco para a supervivencia do sector', esta será unha 'semana negra' ao soster que se coñecerán os prezos do leite "máis baixos da historia". Ao seu xuízo, este tipo de mobilizacións "non procede" por crer que "non solucionan nada" e, de realizarse, entendeu que deberían facerse en Madrid ante o MARM.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: