Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
'Semana Branca' para a supervivencia do sector

A "desesperación" dos gandeiros levará os tractores de novo á rúa

Sindicatos e cooperativas agrarias anuncian cinco días de protestas, entre o 13 e o 17 de xullo, nos que pedirán solucións inmediatas para a crise do sector.

Redacción - 14:45 08/07/2009
Roberto García (UUAA), Francisco Bello (XXAA), Carme Freire (SLG) e Hixinio Mougán (AGACA)

Roberto García (UUAA), Francisco Bello (XXAA), Carme Freire (SLG) e Hixinio Mougán (AGACA)

Os responsábeis dos tres sindicatos agrarios (SLG, XXAA e UUAA) e da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA) presentaron este mércores, en conferencia de prensa, a Semana Branca para salvar o sector do leite, é dicir, o calendario de tractoradas e outras mobilizacións que comezarán o vindeiro luns día 13 para terminar o venres 17 nas cidades de Lugo e Compostela. Os tractores sairán todos os días á rúa, agás o xoves, no que tamén haberá unha manifestación dos gandeiros e gandeiras a pé.

Os tres sindicatos e as cooperativas demandáronlle ao Goberno axuda inmediata nesta crise, é dicir, que inxecte liquidez nas explotacións, para evitar, canto antes o seu peche; e que lidere a defensa dos intereses do sector leiteiro galego en Madrid, ante o Ministerio de Agricultura, Medio Rural e Mariño (MARM), para que este garanta, con rapidez, uns mecanismos de estabilidade dos prezos do leite, e a axeitamento da oferta e da demanda no mercado europeo. Alén disto, tamén agradeceron a comprensión a cidadanía ante a semana de mobilizacións e aseguraron que a delegación do goberno español en Galiza xa lles tiña dado o seu visto e prace para saír de novo á rúa.

Unha 'Semana Branca' para a supervivencia do sector leiteiro
A conferencia de prensa encetouna o xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias, Hixinio Mougán, quen sinalou que neste momento, "no que o sector leiteiro galego está a perder cartos todos os días", e a perspectiva "é a de seguir empeorando, indo cara o peche definitivo das explotacións", é preciso "saír de novo á rúa, porque queremos un compromiso claro das Administracións co sector leiteiro, igual que o tiveron as entidades bancarias e o sector da automoción", recalcou. Alén disto, Mougán relembrou que os gandeiros tamén reclaman "que a distribución non engane os consumidores", referíndose á venda, a baixo prezo, de leite estranxeiro.

Mentres anunciaba as mobilizacións -"unha Semana Branca pola supervivencia do sector do leite"-, Mougán lembrou que estas, incluídas as tractoradas, non están pensadas "como unha agresión á cidadanía, senón como a mostra da desesperación dun sector que non ten apoio ningún para evitar a súa desaparición". Isto mesmo foi recalcado polos secretarios xerais de Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores, Roberto García e Francisco Bello respectivamente; así como a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Carme Freire.

Durante o mes de xuño perdéronse 6,2 millóns litros de leite ao día
A seguir, Francisco Bello, de XXAA, deu "datos reais" da situación na que se atopa un sector "fundamental para a economía galega", recalcando que os prezos baixaron en xuño deste ano 13,53 céntimos con respecto do mesmo mes do ano pasado, o que significou, recalcou Bello, a perda de 838 mil euros para as explotacións do país. Alén disto, revelou que neste mes que xa terminou perdéronse 6,2 millóns de litros de leite ao día, que non atoparon saída.

"No mes de xuño contabilizáronse 25 millóns de euros de perdas directas, que sumados aos custes de produción -que están nos 33 céntimos o litro-, chegan aos 43, 6 millóns de euros xuño. Este montante, sumado aos cartos perdidos nos primeiros cinco meses do ano, chegan aos 127 millóns de euros de perdas reais nas 13 mil explotacións -máis de 100 mil postos de traballo- que hai en toda Galiza", expuxo Bello, ao tempo que revelaba que, mentres pasa isto no noso país, no resto de Europa o prezo medio do leite subiu un 17%: "Quen está quedando cos cartos dos gandeiros galegos", preguntou.

"Hai máis de 10 mil familias galegas que están pagando por traballar"
Polo seu lado, o responsábel de UUAA, Roberto García, falou da "unidade sindical" destas protestas, patente na conferencia de prensa, recalcando que "non ten precedentes en ningún outro sector da economía estatal".

"Hai 10 mil familias en Galiza que arestora están pagando para traballar", sinalou García, recalcando que este feito non ten nada a ver co risco empresarial, senón coa "actuación ilegal dos axentes intermediarios, os que mercan o leite", revelou, subliñando que, contra estas prácticas, a Administración non actúa como debera: "só saca a foto do delito, pero non envía as sancións".

A seguir, García volveu referir o dito por Mougán, lembrando que o que queren os gandeiros "non é unha nova época de subvencións", senón "mecanismos" para evitar a entrada de leite estranxeiro no mercado leiteiro estatal a baixo custo: "queremos os mesmos instrumentos que empregan os nosos competidores de Francia ou Alemaña, os que utilizan para colocar no noso mercado o leite que lles sobra", recalcou.

Ao fío interviu Carme Freire, do SLG, dicindo que neste "crucial momento" o que demandan os gandeiros do país "son dúas cuestións básicas e fundamentais: os mecanismos precisos para que non sigamos vivindo, continuamente, a invasión de leite francesa ou alemá no noso mercado, é dicir, o axeitamento da oferta e da demanda en Europa; e tamén un prezo mínimo no leite, que cubra os custes de produción e garanta a viabilidade e estabilidade das explotacións".

"As axudas anunciadas para ser cobradas de inmediato foron un engano"
A seguir, a secretaria xeral do SLG tamén denunciou o silencio da Xunta ante a situación, e revelou que as medidas desenvolvidas para inxectar liquidez ás explotacións -tanto so créditos do Igape como o adiantamento das axudas da PAC, anunciadas pola Administración Feijoo-, "foron un engano", xa que as entidades bancarias están a poñer "todo tipo de impedimentos" para que os gandeiros poidan cobralas. "Están obrigando os gandeiros a ter máis gastos aínda", recalcou, lembrando que o prazo para solicitar as axudas termina o vindeiro día 30 de xullo.

Freire agradeceulle, ademais, á cidadanía o seu apoio ao sector, e recalcou que os gandeiros "van dar a batalla" porque "neste momento tan difícil, é preciso".


4,25/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: