Como "un goberno de dez" aludía o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, ao equipo de conselleiros presentado este domingo, e que na mañá deste luns tomaba posesión dos seus cargos. Subliñou Núñez Feijoo que "ninguén atopará" nesa relación de nomes "cotas de tipo persoal ou territorial" e insistiu en que os elixiu "buscando os mellores".
Feijoo, que o domingo xa apuntara que a experiencia na xestión pública fora o criterio principal para a escolla, referiuse durante a toma de posesión dos conselleiros á súa "capacidade" e vontade de "entrega". "Galiza é única", afirmou para salientar a ausencia de cotas territoriais entre as baronías provinciais do PP. Ao tempo, e en referencia ao anterior Goberno, asegurou que desta volta "non existen coalicións entre diferentes ideas". "Todos comparten a mesma paixón por Galiza", sentenciou.
"Demostraron tanto nas súas actividades profesionais como políticas que saben traballar en equipo", destacou o presidente, comentando ao respecto que "ningunha das consellarías é un premio". Na opinión de Feijoo Galiza "navega no medio dun trebón" e debe existir vencello entre "a tripulación e o pasaxe para que a travesía teña boa arribada", dixo en referencia a conselleiros e cidadáns. Na súa intervención, Feijoo deu por cumpridos os compromisos de "aparcar prexuízos políticos e non pedir filiación política" para entrar no Goberno e máis o de "austeridade" no que lle toca á redución de consellarías, un paso que dixo "non é abondo".