Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Avaliación do novo Goberno

Adega láiase da unión nunha consellaría de "natureza, cemento e asfalto"

Os ecoloxistas consideran que Feijoo "desfai o camiño iniciado por Fraga" cando instituíu consellaría de seu para o medio ambiente.

Redacción - 13:00 20/04/2009

"Un paso atrás na protección ambiental". Tal e a valoración que desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) fan da decisión do novo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, de crear a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestrutura. Para os ecoloxistas é unha mala decisión a reunión no mesmo departamento de ambiente e urbanismo. Recordan desde Adega as críticas que xa no seu momento realizaran ao respecto da fusión dos ministerios de Agricultura e Pesca co de Medio Ambiente, e critican que a nova Xunta non vaia manter "independentes" as competencias ambientais, na liña en que recomenda o Consello de Europa, "como contrapeso ás áreas máis economicistas". "Coma no Estado, semella que en Galiza a natureza vai ser tamén outra vítima máis da crise", lamentan.

"Dunas e cemento ou osos e asfalto nunca fixeron boa veciñanza", apuntan, sinalando que as políticas territoriais insustentábeis, o urbanismo depredador e as grandes infraestruturas, son moitas veces "causa da rápida degradación dos hábitats, da deterioración dos recursos naturais e da perda da identidade cultural de moitos pobos". É por este motivo que din asistir con "pesimismo" á entrada do novo Goberno. "Podemos agardar obxectividade e sensibilidade ambiental cando o responsábel das infraestruturas ten que asinar tamén as declaracións de impacto ambiental?", pregúntanse. Nesa liña, desde Adega solicitan xa unha entrevista co presidente da Xunta para expoñerlle as principais preocupacións en materia ambiental. Entre outras: "Como vai quedar o Plano do Litoral? Que hai da ampliación da Rede Natura? Que vai pasar co novo Plano de Residuos e que papel xogará Sogama? Seguirán sendo o ladrillo e o asfalto dogmas de fe inamovíbeis?"


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: