Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Pilar Neira, presidenta de Mudega

"Sobre a discriminación do deporte feminino dinse moitas parvadas, mais a culpa é de quen nos silencia"

A seleccionadora nacional de fútbol feminino é tamén a presidenta desta asociación, creada para procurar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, tamén no deporte.

A. Rodríguez - 10:40 18/10/2008
Pilar Neira

Pilar Neira

É directiva do BM Coruña (clube que volveu este ano á competición despois de dúas tempadas sen xogar en Primeira Autonómica Feminina, a Segunda División Estatal), adestra o Orzán B de fútbol feminino (despois de ascender o primeiro equipo á Liga Estatal) e ademais, é a presidenta da Asociación de Mulleres Deportistas Galegas (Mudega), a primeira que se crea no noso país para "facer un deporte en igualdade".

Pilar Neira non para. As horas que lle quedaban para ela, despois de traballar e dedicar o resto do día ao deporte, e mesmo as horas de sono, agora róuballas esta nova asociación. Levaban varios días traballando até de madrugada, para que todo saíse ben na presentación de Mudega, a pasada terza feira. E saíu. As deportistas que foron apoialas no comezo desta andaina enchían o salón de actos da Dirección Xeral para o Deporte, en Compostela. Alí estaban a triatleta Aida Valiño, a capitá da selección galega de futsal, Sonia Pacios, a árbitra de hóckey, Teresa Martínez, a judoka Sara Álvarez... Mais tamén recibiron as adhesión de xente coma a ciclista de BMX Eva Castro, a padexeira olímpica Tareixa Portela, a tamén olímpica Tamara Abalde, a futbolista da Superliga Feminina (1ª División) Verónica Boquete, A taekwondista Estefanía Hernández...

En Galiza existen 226 mil licenzas federativas, en todas as disciplinas deportivas, das que as titulares son mulleres; 226 mil mulleres son moitas competindo e notando, por veces, como son tratadas coma se fosen as segundas en todo: cos premios, cos horarios de competición, os días de competición, os patrocinios... Vieiros falou con Pilar Neira para saber máis de Mudega, dos seus obxectivos e do seu traballo contra a discriminación das mulleres no deporte no noso país.

Vieiros: Que houbese tanta xente apoiándoas na presentación a pasada terza feira, que houbese tanta expectación arredor da asociación quere dicir que Mudega facía falta?
Pilar Neira: Facía falta. Até o de agora as mulleres dedicadas ao deporte non tiñamos unha entidade propia que nos apoiase. Cando decidimos poñernos coa creación da asociación comezamos a chamar, unha por unha, a varias deportistas galegas e todas se involucraron de seguida, algo que che dá forza para seguir.

E como xurdiu a idea de poñerse a traballar nesta liña?
Coñeciámonos todas (fala dos membros da xunta directiva, Mercé Barrientos, Iria González-Dopeso, Rosa Mosquera, Lis Franco e Teresa Cano), de vernos en varios actos, e sempre coincidiamos en criticar situacións discriminatorias que se producen no deporte feminino. Daquela pensamos, por que non facemos algo? Naquela altura, cando tiñamos a idea da asociación, falamos con Marta (Souto, a directora xeral para o Deporte), que foi quen nos deu o último empurrón, dicíndonos que tiñamos o seu apoio.

Mudega nace para promover a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, e loitar contra todas as formas de discriminación ás mulleres no ámbito deportivo. Cales son os primeiros obxectivos marcados agora que acabades de nacer?
Pois, nun comezo, imos presentar a asociación en todas as provincias galegas, e despois arranxar unha web completa, para darnos a coñecer. Un dos nosos primeiros obxectivos é facer o Día do Deporte Feminino na Rúa, pero antes diso precisamos cartos. Primeiro queremos conseguir financiamento.

Tamén imos ir, o vindeiro 21 de novembro, a unha xuntanza que vai haber en Lisboa de mulleres deportistas, para aprender das portuguesas, que xa hai anos que teñen montada unha asociación coma Mudegá, e poderán ensinarnos cousas. Alén disto, tamén imos dar a coñecer as denuncias e queixas que nos cheguen, e por certo, xa nos chegaron varios correos...

Con queixas?
Si, algunha sobre os horarios das competicións.

Que acontece cos horarios? Que tipo de discriminación poden vivir as mulleres no eido deportivo?
O que acontece cos horarios é que sempre acabamos competindo a primeira hora. Por exemplo, no pádel, as mozas xogan cedo, cando non hai ninguén asistindo ao encontro, ponlle ás 10:00 horas; e os mozos xogan ao mediodía, un horario que se presta máis a ter público. Outra cousa que tamén se adoita denunciar son as diferenzas que existen nas contías dos premios das competicións, cando o gañador é un home ou unha muller. Isto é algo que non acabo de entender, porque un home, poñendo por exemplo, gaña 1.000 euros por correr 20 Km e entrar de primeiro na meta, e unha muller, correndo o mesmo e facendo o mesmo esforzo, só gaña 500.

Que pensa que está na base desta discriminación?
Sobre a discriminación do deporte feminino dinse moitas parvadas... Por exemplo, que non ten seguimento porque non é competitivo, porque non conseguimos mover xente que nos veña ver aos campos. A verdade é que eu penso que a culpa é toda vosa (dos medios de comunicación) porque obviades o deporte que practican as mulleres. Nós temos público, o que acontece é que a xente non sabe cando xogamos, cando competimos... O ano pasado adestrando o Orzán, chegamos a ter unhas 500 persoas fixas no campo, que se acabaron enganchando, e eran afeccionados, non só familiares e amigos, e isto porque aparecemos algunhas veces na prensa local. Se nos silencian, se non nos fan caso, non imos ter público. Olla por exemplo o que aconteceu coa selección galega de fútbol sala feminino, subcampioa do Mundial. Non saíu en case ningún medio, e estou convencida que se fose unha selección de homes, independentemente de que fose Galiza como nación ou non, sairía en todas partes, como está acontecendo coa selección española no Mundial, en Brasil. Isto é o triste.


Ligazóns

5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



As compoñentes da xunta directiva de Mudega, posando para a foto
As compoñentes da xunta directiva de Mudega, posando para a foto
Pili Neira, á esquerda, cando foi presentada por Marta Souto como seleccionadora nacional de fútbol feminino
Pili Neira, á esquerda, cando foi presentada por Marta Souto como seleccionadora nacional de fútbol feminino
Pili Neira coa bandeira galega
Pili Neira coa bandeira galega
Á dereita da imaxe, co Balonmán Coruña, clube do que é vicepresidenta
Á dereita da imaxe, co Balonmán Coruña, clube do que é vicepresidenta
Primeira, arriba pola esquerda, co Orzán feminino, equipo co que ascendeu a Primeira Estatal
Primeira, arriba pola esquerda, co Orzán feminino, equipo co que ascendeu a Primeira Estatal
Na presentación de Mudega, coa directora xeral para o Deporte, Marta Souto
Na presentación de Mudega, coa directora xeral para o Deporte, Marta Souto