Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Contador gaña en solitario a 13ª etapa

Mosquera sobe posicións e colócase cuarto na clasificación xeral da 'Vuelta'

O ciclista do Xacobeo Galicia rube na xeral o mesmo día no que aparece na listaxe de seleccionados para o Mundial de Varese.

Redacción - 19:06 13/09/2008

O alto de L'Angliru era moi agardado polos ciclistas que gozan subindo, pero parece que este ano o vencedor do Tour e do Giro quere demostrar a súa calidade, e volveuno conseguir, gañando en solitario a desexada 13ª etapa da 'Vuelta a España'. Durante todo o percorrido que comezaba San Vicente de la Barquera (Cantabria) e terminaba no alto de L'Angliru (209.5 km), Contador (Astana) volveu vencer no seu duelo particular con Alejandro Valverde (Caisse D'Epargne), deixándoo atrás nos dous quilómetros finais da rolda.

Ao terminar a xornada, abondo satisfeito, o líder do Astana amosábase cauto, asegurando que a "carreira aínda non está gañada". Para contador aínda fican por diante xornadas ben difíciles, a até Madrid nada está escrito: "até o final hai que ter respecto pola carreira".

Ezequiel Mosquera, cuarto na xeral: a proba de que nada está escrito
Respecto fai falta nunha rolda tan ampla, con tantos días sobre a bicicleta. Xa van 13, e Ezequiel Mosquera, o líder do equipo ciclista profesional galego segue manténdose entre os mellores da rolda española. Na etapa deste sábado entraba sétimo, a 2,18 de Contador, colocándose na cuarta posición na clasificación xeral (a 4.19), por detrás do ciclista do Astana, do seu compañeiro de equipo, o estadounidense Levi Leipheimer, que é segundo, e de Carlos Sastre, que é terceiro.

O domingo chega a segunda etapa de montaña en Asturias, a que ha unir Oviedo e a estación de esquí de Fuentes de Invierno, no Alto de San Isidro, nun percorrido de 158,4 quilómetros. Despois do esforzo supremo de L'Angliru deste sábado, o domingo tampouco vai estar exento de enerxía e forza, posto que a xornada inclúe seis portos, tres deles de primeira, e termina en ascenso: outro día grande para os escaladores.

'Zeq', seleccionado para o Mundial
O de Teo soubo, ademais, cando os seus pulmóns botaban en falta osíxeno, subindo os altos do Ortigueiro, Arnicio e La Colladona, que o seleccionador estatal, Francisco Antequera, o tiña incluído na relación dos catorce corredores preinscritos para o Mundial de fondo na estrada, que se celebrará en Varese (Italia) o 28 de setembro, sete día despois de que conclúa a 'Vuelta'.

Segundo contan dende o Xacobeo Galicia, a actuación que o ciclista galego está a ter na rolda española non pasou desapercibida ao seleccionador, nin tampouco a regularidade mostrada ao longo de todo o ano, culminada cun contundente triunfo na etapa reina e na xeneral da Clásica Internacional de Alcobendas.


5/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Contador sufriu para gañar en L'Angliru
Contador sufriu para gañar en L'Angliru
'Zeq' Mosquera subiou unha posición na xeral e xa é cuarto, á espera da xornada de montaña do domingo
'Zeq' Mosquera subiou unha posición na xeral e xa é cuarto, á espera da xornada de montaña do domingo