O equipo galego foi o único que presentou na liña de meta aos seus nove corredores sen tempo perdido.
Van tres días da Vuelta a España e o equipo que dirixe Álvaro Pino está a correr cada día mellor, agardando as etapas de montaña, onde o líder, Ezequiel Mosquera, deberá amosar cal é o seu verdadeiro estado de forma. Na terceira tirada o ciclista belga Tom Boonen impúxose na meta, nunha xornada que comprendía as cidades de Xaén e Córdoba sobre un percorrido de 168 quilómetros. O remate deste día deixounos a Daniele Bennati no liderado, arrebatándolle o maillot ouro a Alejandro Valverde por mor das bonificacións.
Pola súa banda, os ciclistas do Xacobeo Galicia están a ofrecer datos para o optimismo, xa que melloran cada día os seus resultados: unha mostra é que nesta tirada foi o único equipo que se presentou na liña de meta cos seus nove corredores sen tempo perdido, polo que non levan máis tempo cedido que o perdido na contrarreloxo do primeiro día. Xa sucedera o mesmo o día anterior en Xaén, aínda que nesta cidade o rexistro tamén fora igualado polo Rabobank.
Expectativas dos ciclistas
O lider do Xacobeo, Ezequiel Mosquera, afirma que se atopa cada día mellor. Sen embargo, haberá que agardar á montaña para comprobar as súas verdadeiras posibilidades. Antes, o de Teo terá que superar a contrarreloxo de Cidade Real, unha tirada na que tentará perder o menor tempo posíbel, para tratar de recuperalo no seu terreo forte, cando as estradas comecen a empinarse. Mentres, no equipo hai satisfacción polo inicio da Vuelta: tanto Carlos Castaño, como Eduard Vorganov, Gustavo Domínguez, Gustavo C. Veloso, David García,David Herrero, Serafín Martínez Acevedo e Iban Mayoz amosáronse contentos coas sensacións destes primeiros días. Sen embargo, todos agardan ás dificultades nas vindeiras tiradas para poder crear unhas expectativas axeitadas para esta competición. A cuarta dispútase entre Córdoba e Puertollano.