Despois das primeiras etapas de montaña o ciclista de Teo chega á décima etapa como sexto da xeral, o mesmo lugar que ocupan os de Álvaro Pino na clasificación por equipos.
Mosquera entra diante de Contador na 7ª etapa
O equipo Xacobeo Galicia debe facer un bo balance das tres etapas disputadas no terreo pirenaico, a pesar de non conseguir meter a ningún corredor entre os doce que disputaron o pasado luns a vitoria final na 9ª etapa. Esta fuga deixou ao navarro Egoi Martínez como líder da clasificación xeral.
No seu segundo ano como profesional, o equipo galego de ciclismo semella estar preparado para obter o podio individual na "Vuelta", da man de Ezequiel Mosquera. O ciclista de Teo estivo sempre cos favoritos, chegando incluso a exhibirse diante de gañadores do "Tour" como Contador ou Sastre. O líder do Xacobeo estivo moi ben na sétima etapa, onde rematou segundo superado só polo italiano Alessandre Ballan. que conseguiu dosificar a renda que traía dunha longa escapada.
O galego ten por diante dúas etapas de alta montaña en terras asturianas e unha crono-escalada ás portas de Madrid. O terreo é favorable para Mosquera, pero tamén para os seus rivais na loita polo podio, grandes escaladores como Contador, Valverde, Sastre, Antón ou Leipheimer. As etapas claves disputaranse o próximo fin de semana, coas ascensións ao Anglirú e á estación de esquí "Fontes de Inverno", así como unha dura crono-escalada de 17 quilómetros que terá lugar o día 20, idónea para homes explosivos como Valverde ou Contador. Todo aberto para as fermosas dúas semanas que quedan de "Vuelta", cun galego loitando cos mellores do ciclismo mundial.
O Xacobeo Galicia, sexto clasificado da xeral por equipos, está desempeñando un bo papel, aínda que ten a súa materia pendente na falta de protagonismo que os compañeiros de Mosquera están a ter nas diferentes escapadas.