O líder do Xacobeo parou o reloxo en 53 minutos e 6 segundos e colócase no 14º lugar da xeral.
Corredores do Xacobeo Galicia durante unha etapa da "Vuelta"
O de Teo foi o mellor do seu equipo con diferenza, acadando un meritorio tempo que lle permitiu rematar no 28º lugar unha especialidade que non é a súa. Con este resultado colócase a 2 minutos e 19 segundos do novo líder da carreira Levi Leipheimer, pero só a 1 minuto e 49 segundos de Alejandro Valverde que é o primeiro clasificado dos favoritos á vitoria final.
O resto de corredores do equipo galego realizaron un discreto papel, tendo que ir até o 43º lugar para atopar a Gustavo Veloso, ou o 58º para dar con David García Dapena. Con este resultado o plantel que dirixe Álvaro Pino cae do 9º ao 13º lugar na clasificación por equipos.
O sábado chega a montaña
Despois dunha etapa de transición este xoves, o venres a carreira desprázase até os pirineos onde o sábado se disputará a primeira etapa con chegada en alto. A partir de entón agárdase que medre o protagonismo dos corredores do Xacobeo a través das escapadas, así como con Mosquera que ten na alta montaña o seu terreo favorito, no cal debería cimentar o soñado asalto ao podio.
Vitoria para Leipheimer
A vitoria na contrarreloxo foi para o norteamericano Levi Leipheimer, do equipo Astana, que completou os 42,5 quilómetros nun tempo de 50 minutos e 57 segundos. Dos favoritos o mellor foi o seu compañeiro de equipo Alberto Contador, que rematou cuarto, así como Alejandro Valverde, cedendo ámbos menos de un minuto con respecto ao estadounidense.