Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
Coas protestas da oposición

O presidente de Madeira quere levar a referendo a autonomía da illa

Vai facer unha proposta de revisión constitucional para que "se clarifiquen as competencias do Estado e as da rexión".

Redacción - 19:10 02/07/2008
Alberto João Jardim, presidente de Madeira

Alberto João Jardim, presidente de Madeira

Durante unha súa visita a Venezuela, falando no Centro Portugués de Caracas, o presidente do Goberno Rexional da Madeira, Alberto Jõao Jardim (PSD), anunciou que vai abrir, en 2009, un debate con Lisboa sobre o futuro constitucional da rexión autónoma, mais primeiro vai facer un referendo entre os habitantes da illa.

As súas verbas exactas foron: "Imos aprobar no Parlamento da Madeira unha proposta de revisión constitucional, para que no seo da patria portuguesa se clarifiquen as competencias do Estado e as da rexión autónoma", e a seguir dixo que "se se cre na democracia, o Parlamento é a vontade do pobo madeirense".

Non é a primeira vez que se relaciona a palabra "secesión" coa da Madeira ou o nome de Jardim. A comezos deste ano, o presidente do goberno rexional das illas garantiu que vai apoiar o seu pobo o día que este se queira independizar de Portugal. Naquela altura dixo non ser independentista, mais tamén revelou que o que quere é un sistema autonómico diferente, que "Lisboa non acepta, por un simple autoritarismo absurdo".

A oposición considera inconstitucional o referendo
Mais a oposición amosouse contraria ás ideas de Jardim. O deputado do PCP-M, Edgar Silva, dixo que non pode haber referendos sobre materia constitucional, e que o referendo rexional ten aínda que ser controlado polo goberno portugués, e o presidente do CDS/PP-M, José Manuel Rodrigues, mesmo declinou facer comentarios ao respecto, por considerar "ilegais e inconstitucionais" as arelas do presidente madeirense.

Empregando o dito portugués "tem mais olhos do que barriga", o secretario xeral do PS en Madeira, Jaime Leandro, dixo que o señor Jardim aínda non tiña adaptado a rexión á revisión constitucional de 2004, polo que non entendía por que se quere outras revisións: "non exerce os poderes que ten, e quere aínda máis poderes, resta saber para que?.

Polo seu lado, o dirixente do BE-M, Roberto Almada, considerou que Jardim está a "desviar a atención" dos madeirenses sobre os "verdadeiros problemas" da rexión.


Ligazóns

4/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: