Alberto João Jardim, o presidente do goberno rexional das illas garantiu que vai apoiar o seu pobo o día que se queira independizar de Portugal.
O presidente do goberno rexional de Madeira (relacionado co partido social demócrata e vicepresidente do Partido Popular Europeo) dixo estas palabras despois de se reunir co líder do PSD/Açores (o Partido Social Demócrata das illas), Carlos Costa Neves, durante o que "pasaron revista á situación da autonomía" de ámbalas dúas rexións insulares.
Na súa xuntanza os dous políticos tamén falaron de Estado e da "relación entre as rexións autónomas e o Governo da República", tema ao que Jardim se referiu nestes termos: "Eu tenho remado contra essa maré e se hoje há autonomia e a questão da unidade nacional não está em cima da mesa foi porque muito me empenhei neste sentido, embora Lisboa não o reconheça". Daquela foi cando Jardim pronunciou as palabras que levaron a polémica ao vello continente: "Se o povo madeirense um dia quiser a independência, o meu lugar é ao lado do povo madeirense".
"Não sou independentista"
O presidente de Madeira tamén dixo que os madeirenses queren continuar a ser portugueses: " Não sou independentista e continuo a acreditar no princípio da unidade diferenciada", comentou, mais quixo lembrar que se o pobo madeirense quere un outro sistema autonómico, e Lisboa non o acepta, "por um simples autoritarismo discricionário e absurdo", o que vai vir a seguir posiblemente teña moito a ver coa independencia.
"O povo manda"
O líder do PSD/Açores, Costa Neves tamén dixo estar de acordo coa idea de que "o povo manda" e engadiu que as rexións autónomas "são portuguesas porque querem ser", mais defendeu a idea de que as autonomías e máis o país deben ser construídas por ámbalas dúas partes.
Un político moi controvertido
O presidente do goberno autónomo de Madeira, Alberto João Cardoso Gonçalves Jardim tamén é xornalista, alén de ser un político dos máis polémicos de Portugal. Jardim foi acusado, varias veces, de autoritarismo, corrupción, silenciamento da oposición e de empregar o seu cargo para tirar beneficio persoal. De todos os xeitos, sempre obtivo a maioría absoluta nas eleccións.
Relacionado, toda a súa vida co partido Social Demócrata, segundo contan, na súa mocidade (cando facía o servizo militar), pertenceu ao Frente de Libertação do Arquipélago da Madeira. O protagonismo internacional chegoulle o ano pasado, cando, o 19 de febreiro, presentou a súa dimisión do cargo de Presidente do Governo Regional como protesta á nova Lei de Finanças Regionais, que presentaba, naquela altura, o goberno de Sócrates. A súa renuncia levou a Sócrates a disolver a Assembleia Legislativa da Região e a convocar eleccións anticipadas o 6 de maio, nas que de novo gañou Jardim, desta volta coa maioría reforzada.
Ademais tense oposto a aplicar outras leis chegadas de Lisboa, como a da Interrupção Voluntária da Gravidez (IVG), (que significaba a despenalización do aborto no país), que o goberno madeirense se comprometeu a aplicar, despois de moito pelexar con Sócrates, este ano.