Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Conflito no Tíbet

China dálles deica o martes aos manifestantes para se entregaren

O goberno chinés elevou a cifra oficial de mortos a dezanove, mais o executivo tibetano no exilio fala de 99 mortos, 80 en Lhasa e 19 en Gansú.

Redacción - 11:18 22/03/2008
Patrulla de soldados chineses no Tíbet

Patrulla de soldados chineses no Tíbet

As autoridades chinesas déronlles un novo ultimato aos manifestantes tibetanos que nos últimos días protestaban contra Beixín, neste caso na provincia de Gansú, segundo informou este venres o Centro Tibetano para os Dereitos Humanos e para a Democracia (TCHRD).

Segundo este grupo no exilio, tras días de protesta en distintas zonas tibetanas de Gansú, o goberno chinés enviou miles de soldados a pé, en camións e en helicópteros á zona co obxectivo de reprimir as protestas e perseguir os manifestantes.

O TCHRD afirma que se fixeron anuncios públicos, tanto en tibetano coma en chinés, e ademais de colgalos en distintos lugares, as forzas de seguridade estanos a difundir con megáfonos.

No texto advírteselles aos manifestantes, aos que cualifica de "criminais", de que se entreguen antes da media noite do 25 de marzo. Os que se entreguen serán tratados con "indulxencia" mentres que os que non o fagan, do mesmo xeito que aqueles que lles dean acubillo, recibirán un tratamento severo, engade.

Datos contraditorios
As autoridades chinesas informaron de que 170 tibetanos en Lhasa e outros 94 tibetanos no condado de Phenpo Lhundrup, na Rexión Autónoma do Tíbet, entregáronse até o de agora, mais segundo o TCHRD, 1.000 manifestantes foron detidos e hai centos de desaparecidos.

Ademais, China elevou este sábado a cifra oficial de mortos a dezanove (dezaoito civís e un policía) nas revoltas da semana pasada. O goberno tibetano no exilio fala de 99 mortos, 80 en Lhasa e 19 tiroteados pola policía en Gansú.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: