Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
De costas ao ataque aos dereitos humanos

Queixas á UE pola cativa reacción ás agresións chinesas no Tíbet

Grupos como Human Rights Watch e Amnistía Internacional critican a resposta da Comisión Europea neste caso, e contrapóñena coa firmeza asumida no caso recente de Birmania.

Redacción - 12:00 19/03/2008

Desde colectivos defensores dos dereitos civís recordan esta semana que a Unión Europea asumiu posicións máis firmes no caso recente de Birmania, despois da belixerancia militar sobre os monxes budistas que se mobilizaran pacificamente. Recordan desde Human Rights Watch que as iniciativas de sanción económica estabelecidas pola UE nese caso están lonxe da postura asumida agora diante do xigante chinés.

Lonxe de calquera asomo de medida de forza diante da China, a UE reaccionou ademais cun ambiguo discurso oficialmente transmitido desde a Comisión Europea, onde metía no mesmo saco a represores e reprimidos, chamando "ás dúas partes" a diminuír a tensión. Fronte a esa morna reacción xurdiron apenas respostas máis firmes desde gobernos concretos, como é o caso dos executivos neerlandés, italiano e francés. Neste último caso, o representante de Exteriores, Bernard Kouchner, mesmo insinuou a posibilidade de que os países da UE realizasen algún tipo de xesto cara á cerimonia inaugural. Desde Amnistía, HRW e outros colectivos xa suxiren por exemplo medidas simbólicas alternativas ao boicot que incluirían por exemplo a ausencia dos xefes de Estado deses actos de apertura.

Represión tamén noutros lugares
Amnistía Internacional acusa as autoridades chinesas de impoñer un bloqueo "total" de información sobre o Tíbet e o seu contorno, incluídos os atrancos a internet e ás comunicacións por teléfono móbil. Ademais, están impedindo o acceso a xornalistas e a calquera observador independente, incluídos os membros das Nacións Unidas.

Ademais, segundo Amnistía, as autoridades chinesas están despregando actuacións represivas noutras zonas, como é o caso dos ataques contra a poboación uigur, na Rexión Autónoma Uigur do Sin-kiang. Coa escusa de estaren actuando fronte a unha presunta conspiración terrorista para atacar as Olimpíadas, e da que non se presentou ningunha proba concreta, lanzouse unha operación represiva cara a grupos uigures.

Sucesos como estes están tendo lugar no medio dunha vaga represiva que tamén inclúe a avogados que están traballando no ámbito da defensa dos dereitos humanos, e activistas diversos. Desde Amnistía Internacional consideran que, no canto de estar servindo para relaxar a presión censora sobre a poboación, a cita olímpica está sendo escusa para a administración. Así, xustificando o bloqueo de supostas accións contra os preparativos olímpicos, as autoridades chinesas despregan amplas operacións represivas en diversas partes do país, especialmente no contorno de Beixín.


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: