O Goberno editou dous libros certificando o bo estado do inmóbel guiado só polo seu aspecto exterior.
Vista aérea do Pazo de Meirás / Foto: Turgalicia
A Xunta e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza (COAG) publicaron en 1990 -e en 1992 unha edición revisada- dous volumes co título Pazos de Galicia. Inventario do Patrimonio Histórico Galego onde certificaban que o edificio de Meirás presentaba un estado de conservación "bo", sen visitáreno.
O director xeral de Patrimonio Cultural, Felipe Arias, confirmoulle ao diario La Opinión de A Coruña que non hai constancia de que o Goberno entrase nunca ao interior deste inmóbel, en mans da familia Franco, polo que a cualificación debeuse realizar só polo aspecto exterior do edificio, visto dende a estrada.
A Consellaría de Cultura confirmou que descoñecía a existencia desta publicación así como o feito de que este departamento, nos anos noventa, considerase como "bo" o estado do pazo.