Até 60 mil euros de sanción poderían afrontar os herdeiros de Francisco Franco despois de bloquear o acceso dos técnicos.
Pazo de Meirás
Para a mañá deste xoves estaba previsto que os técnicos accedesen ao Pazo de Meirás. Así llo comunicara xa a Dirección Xeral de Patrimonio á familia Franco. Tratábase dun paso imprescindíbel para a elaboración do informe a partir do cal se tramitará a declaración do Pazo como Ben de Interese Cultural.
Porén, o acceso foille impedido aos técnicos e un avogado en representación da familia argumentou o "dereito á inviolabilidade do domicilio" e o contencioso administrativo interposto no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia como escusas para a negativa.
Con todo, a decisión dos herdeiros de Franco de non consentir o paso dos responsábeis da Consellaría de Cultura, implicará a apertura dun expediente sancionador contra eles. Así, poderían enfrontar multas de até 60 mil euros por negar a entrada a un inmóbel patrimonial catalogado.
Pola súa banda, Cultura recorrerá á vía xudicial para poder exercer o seu dereito á inspección do pazo. Nos vindeiros días solicitará esa autorización no xulgado contencioso-administrativo.
O proceso xudicial estende a loita cidadá
Hai poucas semanas, o pleno do Concello de Sada aprobou unha declaración apoiando esa declaración de Ben de Interese Cultural, que a Xunta proxecta desde hai meses. De ir adiante, os herdeiros de Franco quedarían obrigados a abrir as portas do Pazo de Meirás durante catro días cada mes, permitindo as visitas.
Por outra parte, a loita veciñal vén de moito máis atrás, e colectivos como a Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica, téñense manifestado diante do Pazo reclamándolle á familia do ditador que llo "devolva" aos cidadáns.