O avogado da Xunta xustifica no Contencioso-Administrativo o dereito a inspeccionar o pazo protexido por Patrimonio.
Pazo de Meirás / Flickr: edans
A Consellaría de Cultura e Deporte presentou este luns formalmente a solicitude para poder acceder ao Pazo de Meirás. O letrado da Xunta depositou nos xulgados do Contencioso-Administrativo da Coruña a petición que faga valer o seu dereito de inspección despois da obstrución dos propietarios do predio, a familia Franco, á entrada dos técnicos.
No escrito, a consellaría pídelle ao xulgado que “determine o lugar, día e hora para que se proceda á entrada polos técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio” ou ben lle permita escoller ao departamento gobernamental. Cultura baséase en que ten o dereito acceder aos bens tanto polo feito de que forman parte do Patrimonio Cultural Galego como por ser necesario avalialos para declaralos Ben de Interese Cultural.
O conflito coa consellaría produciuse o pasado 30 de agosto, cando un avogado que se identificou como voceiro da propietaria do pazo comunicoulles aos técnicos de Patrimonio que non podían acceder ao recinto. Ante esta obstrución, a Consellaría iniciou a apertura dun expediente sancionador que pode ter como consecuencia unha sanción de até 60.000 euros e decidiu facer valer os seus dereitos mediante a vía xudicial, unha intención que se materializou este luns.