Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónica dende a India (18)

Ninguén lles preguntou ás familias como querían vivir

"As familias de dúas persoas teñen exactamente a mesma casa cás de 8. Desanímame ver o mal traballo realizado por tantas organizacións". María Reimóndez escribe para Vieiros desde a India.

María Reimóndez - 10:00 02/09/2007

Comezar pola casa
Toca despedida. O último día en Tiruchy para o grupo. As caras xa explican a mala aceptación da partida. Claro que aínda queda Karaikal, pero non deixa de ser o último día en Tiruchy. E para pechar nada mellor ca unha reunión con integrantes dos consellos de suburbio e co consello comunitario para entender o mecanismo de transferencia de responsabilidades do proxecto á comunidade. Os consellos aínda se crearon hai uns meses e o seu traballo ten que afianzarse aínda (o meu traballo pendente cando remate o Vanakkam) pero o que está claro é ese compromiso de continuidade e o afán dun grupo de persoas en cada suburbio de preocuparse polo ben común. E isto é, sen dúbida, cambiar o mundo comezando pola casa.

Partida
O autobús está listo á porta da oficina, como cada día. Só que hoxe non imos ao suburbio. E ademais é festivo. O día da Independencia. E tamén o día da marcha. As maletas están cargadas na baca, as caras aínda contentas despídense do persoal de Tiruchy (só Bobby vén connosco, e por suposto Ambal). Faremos unha viaxe tranquila, gozaremos do festivo cunha visita a Thanjavur, onde se atopa para min o templo máis bonito de Tamil Nadu, o templo que non fai sombra, cheo das súas esculturas de pedra cor area que semellan irse deterreter coa choiva mais que levan aí séculos. Debaixo dunha árbore sentamos facer algunhas fotos e gardar no peito máis momentos para o recordo.

En Karaikal de novo
Abro os ollos e estou no entorno coñecido do meu cuarto. Nel non hai nada, só o colchón (isto é un avance que trouxemos de Tiruchy, antes durmía enriba dunha esteira) no chan e a caixa coa miña roupa. Recoñezo Karaikal polo canto do galo da veciña, pola calma na rúa. Tamén pola viaxe en moto con Sahajaraj ata a casa do meu mestre de baile. O corpo semella recordar sempre cousas que unha pensaba esquecidas. E falta fai porque hoxe, cando remate o día, teño que bailar para un grupo de estranxeiras... non perdemos o tempo, cómpre refrescar o aprendido antes da tarde.

As mulleres queren banco
En Karaikal temos constituída unha federación de grupos de aforro. O señor Stephen foi o consultor que nos axudou a poñela en marcha. Falamos con el e coas mulleres. "A idea é crear un banco", di convencido. Para que as mulleres superen a fase de rotación do fondo e sexan independentes mesmo das institucións bancarias formais. As mulleres teñen bos azos e queren seguir debatendo os seus problemas, dende o maltrato e o alcoholismo ata a necesidade de poñer en marcha iniciativas empresariais que lles dean un futuro que as afaste da tsunami e do que había antes dela.

Todas iguais
As aldeas fantasma ábrense pola costa de Karaikal nunha imaxe que, salvando as distancias, me recorda esas urbanizacións horribles de Murcia que poderían entrar en calquera película de ciencia ficción. A diferencia está, claro, en que neste caso as casas son todas iguais porque houbo que realoxar a 30.000 persoas despois dunha vaga de morte e destrución. E tamén que ninguén preguntou ás familias como querían vivir. As familias de dúas persoas teñen exactamente a mesma casa cás de 8. Desanímame ver o mal traballo realizado por tantas organizacións.

Cando chegamos a Ventekarantheru, que agora se chama "Tsunami nagar", a imaxe repítese e agrávase cos edificios pechados, supostamente unha escola e unha gardería. Malgasto de cartos que agora non se utiliza para nada. Nós mantemos o noso humilde centro social, que se cadra non é tan estupendo por fóra, pero dentro del hai clases para as nenas e nenos todos os días e xuntanzas dos grupos de aforro e calquera actividade que a comunidade decida realizar polo ben común.

Crónicas anteriores:


Ligazóns

2,5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: