Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónica dende a India (11)

Aínda co alpendre enriba

María Reimóndez segue a contarnos as consecuencias da chuvia, e un conflito que se produce por un rapaz que non quere ir ao colexio.

María Reimóndez - 10:00 11/08/2007

Non podo evitar comezar o traballo visitando Mahalakshmipuram para ver como está Fatima, a animadora. Cando vexo como quedou o alpendre, á luz do día, non podo pechar a boca. E respiro aínda máis fondo cando máis tarde Manimekalai me conta que a carón da universidade cinco obreiros morreron onte exactamente nun episodio coma o que nos aconteceu a nós. Fatima tivo que ir novamente ao hospital durante a noite porque non aturaba a dor na perna (é maior e ademais hai uns anos rompeu precisamente esa perna). E entón é cando nos din que seis nenas tamén se lastimaron. Eu non entendo por que non nos dixeron nada no momento para levalas ao hospital. Pola tarde volvemos para velas. Por sorte son todo cousas menores, pequenos golpes. O que si nos dá que falar é o propio alpendre. Fora construído polos grupos de mulleres que fixeron un bo esforzo para reunir os cartos de poñelo en pé e que querían de feito facelo máis estable, as nosas traballadoras andaban buscando alguén que doase cemento e pedras para poder acometer a obra. Agora haberá que tomar unha decisión no Consello de Suburbio.

Paus
O traballo prolongouse na tarde e cando chego a Koradan Thoppu é xa de noite. Mentres agardamos a que se reúnan as familias das nenas e nenos que van á escola observo unha escena que ao primeiro non sei o que é. Vexo dúas mulleres que se moven dunha maneira estraña. Coa pouca luz tardo un tempo en comprender que están batendo nun rapaz cun pau. Falo con Rebeca, a nosa traballadora social, para que interveña de inmediato e xusto nese momento desaparecen, o rapaz chorando por un lado e as mulleres polo outro. Rebeca non sabe quen son pero axiña damos cunha das mulleres, a quen por certo coñezo, Ambiga. É unha rapaza que entrevistei hai algúns anos. Explica que o rapaz é o seu irmán e que durante tres días non foi ao colexio. Ela, que tivo que deixar os estudos, lémbroo perfectamente, dálle especial importancia ao colexio. Pero tal importancia non xustifica unha malleira, nin sequera unha mera labazada, xa non digamos a que levou o rapaz. Eu non podo agochar o meu enfado sen límites. Falamos do tema e Gayalakshmi, a nosa mediadora, queda encargada de visitar á familia noutro momento e en privado para tratar o tema con detalle.

Salitre
É xoves pola mañá e o día esta anubado novamente. Corre un aire fresco. Escoito a Xabier Díaz, ás veces éntrame unha especie de adicción con algunha canción que me acompaña e me proporciona un pequeno espazo de tranquilidade. Pásame con "Salitre". E nesta cidade sen mar e sen amor, sen morriña e sen arelas de ningún tipo as súas palabras fálanme dende unha especie de distancia dun mundo que se cadra nalgún momento coñecín. Pero non pagou a pena. A voz de Xabier Díaz si paga.


3,75/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: