Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónica dende a India VI

Rompendo as normas

Nova crónica de María Reimóndez: aparece Bahnu, comeza un curso sobre xénero en Keela Krishnan Kovil Pattu, e Frances (de doce anos) comunícalle que deixou a escola e volveu ao traballo.

María Reimóndez - 11:00 31/07/2007

Á fin Bahnu
Cando entro na casa Rashida estase bañando e convídanos a entrar rindo coas enaugas atadas debaixo das axilas, mollada enteira. Nos suburbios esta é a forma de bañarse. A caldeiros e coa enauga a modo de vestido, a privacidade é un ben descoñecido. Tal e como quedara, aquí estou, e Bahnu aparece timidamente.

Parece ser que o outro día estivo preguntando por min (o día que quedei de vir pero tiven que adialo pola choiva) pero hoxe séntese tímida. Está moi grande, e gústame falar con ela e con Rashida e a súa irmá, que a mira cun cariño infinito. Bahnu vai a un colexio adaptado á súa xordeira, case non fala, pero nótase que está moi contenta. A primeira vez que nos vimos a súa situación era diferente.

Agora Rashida non só e membro da xunta directiva dun dos grupos de aforro do seu suburbio (tal e como lle recomendaramos para que puidese mellorar a súa situación económica e facer fronte aos gastos de transporte e demais da escola de Bahnu) senón que asiste ás clases de informática promovidas polo proxecto. Aínda que o grupo obxectivo das clases é a mocidade, ela non sentiu pudor ningún en anotarse para poder atopar un traballo que lle axude a mellorar os ingresos da familia. Cando saio de alá no medio da noite o aire parece máis lixeiro.

O curso de xénero comeza rompendo as normas


Nun templo de Keela Krishnan Kovil Pattu transcorre o segundo día do curso de formación de xénero para as integrantes dos grupos de aforro. Volvo ver a Rashida, que nos vén contar timidamente que ten a regra e non sabe se entrar no templo. Esta é unha norma social moi estendida entre os hindús (aínda que Rashida é musulmá coñece e respecta as crenzas e prácticas das outras relixións, algo común aquí), as mulleres non poden entrar nos templos e moitas veces nas saliñas onde se teñen as imaxes dos deuses mentres teñen a regra.

Mesmo nalgúns lugares rurais as mulleres dormen fóra da casa, nun pequeno alpendre. Miramos para Rashida rindo: isto é un curso de formación sobre xénero, esas normas teñen que desaparecer. E ela ri e esquece o asunto mentres reflexiona co seu grupo sobre as xornadas laborais de homes e mulleres.

As oportunidades perdidas


Ás veces é imposible facer nada polas persoas. Frances estaba hai anos na escola de tránsito para nenas e nenos traballadores que o proxecto ten en marcha. Pero con el o traballo non tivo éxito. Non todos os nenos e nenas se rehabilitan, son situacións complexas nas que os hábitos son difíciles de erradicar. Pero se unha cousa é certa é que Frances me recorda e sae á rúa coa súa soltura e descaro habituais para saudarme e contarme (terá agora 12 anos) que volveu traballar porque o seu cerebro é un refugallo.

Eu non estou de acordo, claro, sobre todo vista a súa soltura de palabra e rudeza de maneiras que marca sen dúbida un futuro se cadra conflitivo. Pero a estas alturas Frances e a súa familia xa tomaron unha decisión que non puidemos reverter. A oportunidade estivo aí pero marchou. Por sorte son moitas as nenas e nenos que contan unha historia diferente.


4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Mocidade india. Foto: María Reimóndez
Mocidade india. Foto: María Reimóndez